As loitas que forxaron o nacemento da clase obreira galega hai dous séculos

O sacrificio útil de Antonia Alarcón

Hai mañá, 10 de febreiro, 211 anos, a clase obreira de Ferrol, encabezada polas súas mulleres, comezou unha protesta para reclamar os salarios que lles debían as autoridades. A mobilización rematou coa execución da súa máxima dirixente, Antonia Alarcón, cuxa cabeza acabou pendurada na porta do Arsenal.
Plano do Arsenal de Ferrol na segunda metade do século XVIII. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Plano do Arsenal de Ferrol na segunda metade do século XVIII. (Foto: Nós Diario)

A tradición de loita do proletariado ferrolán empezou a forxarse nas décadas finais do século XVIII. Se á volta de 1752 os operarios máis cualificados paralizaron a construción de varias embarcacións, ao mudarlles as autoridades a súa ración de comida, nunha das primeiras folgas documentadas da historia da Galiza; dous anos máis tarde mobilizáronse polos atrasos nos pagos do xornal. A falta de cumprimento á hora de aboar o salario aos traballadores do naval foi unha constante ao longo de todo o século, até o punto de denuncialo en repetidas ocasións, con diversas formas de protestas, incluídas as queixas aos propios monarcas.

A folga de 1795 foi un dos primeiros exemplos claros da fortaleza dos operarios da construción naval. Segundo escribiu Benito Vicetto, seguindo a Montero y Arústegui, “a falta de recursos levaba o Goberno a non atender os pagos dos traballadores e demais persoal da Mariña, e faltando por conseguinte en Ferrol o principal elemento da súa vida, as maiores privacións apuraban a todas as clases. Amotinouse o persoal da maestranza o día tres de marzo”. As autoridades, preocupadas pola evolución da protesta e polo carácter masivo das mobilizacións, decidiron facer fronte aos salarios adebedados solicitando empréstitos aos cabidos das catedrais de Compostela, Lugo e Mondoñedo, así como a comerciantes da Coruña.

O 10 de febreiro de 1810 declarouse en rebeldía o proletariado ferrolán para esixir o pago dos xornais atrasados. Segundo sinalou o historiador e arquiveiro ferrolán José Montero y Arústegui na súa Historia y descripción de la ciudad y departamento naval de Ferrol publicada en 1859, a crónica máis próxima aos feitos e cuxa versión foi seguida de xeito literal polos autores posteriores que se achegaron aos feitos, “a iso das 10 da mañá unha porción de mulleres que representaban o máis depreciábel da sociedade, reuníronse tumultuosamente á porta do arsenal do dique”. Así as cousas, os operarios que se atopaban no interior acordaron cesar na súa actividade, declararse en folga e xuntarse na porta interior do referido centro de traballo.

Os intentos das autoridades militares por disolveren a mobilización non deron resultado. O comandante militar, Francisco Vázquez Mondragón y Pedraza, que chegou o mesmo día da revolta a Ferrol, recoñeceu as negociacións entre manifestantes e militares para parar as protestas, ofrecéndoselle por parte do intendente Ángel Pomaret, do gobernador e do comandante de enxeñeiros “800.000 reais destinados á fabrica de fusiles, que daría para pagar un ou dous salarios adebedados”. Porén, o acordo non chegou a fecharse e  “cando ao parecer ficaban convencidas aquelas mulleres, un novo berro xeral produciu a maior desorde, e xuntándose á porta do arsenal, entraron nel sen a menor resistencia”.

As razóns do fracaso das negociacións son descoñecidas. Neste caso, como en boa parte do relato, a crónica de Montero y Arústegui, cuxa antipatía ás manifestantes é evidente, debe ser sometida a cuestión, aínda máis se temos en conta que foi financiada maiormente por oficiais da armada. Sexa como for, fracasado o diálogo, a mobilización toma o Arsenal, producíndose, neste contexto, a execución do máximo responsábel do Departamento Marítimo de Ferrol, o xeneral cordobés José Ramón de Vargas Varaez y Vargas.

Unha vez morto Vargas a protesta trasladouse á Graña, onde se atopaba fondeada a embarcación Liniers, que segundo o rumor que circulaba na cidade gardaba unha parte dos fondos atrasados aos traballadores. Segundo Montero y Arústegui, “ao ver que non contiña diñeiro, obxecto dos seus criminais excesos, abriron a despensa do arsenal e fixéronse con queixos, galletas e viño para si e para os mariñeiros que os acompañaban; co cal acabaron por privarse do uso da razón, retirándose ás horas máis avanzadas da tarde, após rexistrar os almacéns xerais e de ser aquel día donas exclusivas de todos os arsenais”.  

A represión contra a mobilización non se fai agardar. O mesmo día da revolta chegaba a Ferrol o substituto de Vargas á fronte do Departamento Marítimo de Ferrol, Francisco Vázquez Mondragón y Pedraza, que na súa primeira resolución de 21 de marzo de 1810 comprometeuse a castigar as responsábeis a e pór freo as protestas. Os procesos penais non tardaron en dar comezo, sendo acusada Antonia Alarcón de dirixente principal da revolta e responsábel de ferir o xeneral Vargas, co compás de carpinteiro da súa parella, operario da construción naval.

Comentarios