luns 30/11/20
Loita e morte dun membro do Partido Galeguista asasinado polo franquismo

O sacrificio esquecido de Anxo Castro

Hai hoxe 79 anos,  23 de outubro de 1941, morre no cativerio imposto pola ditadura Anxo Castro Rábade. Veciño de Vieiro, "A Rusia Chica" de Viveiro, operario das minas da Silvarosa, afiliado do Partido Galeguista e membro da CNT, simboliza aqueles loitadores anónimos que van dalo todo contra o fascismo.
Poboado mineiro de Silvarosa, Vieiro
Poboado mineiro de Silvarosa, Vieiro

Anxo Castro Rábade foi un máis na veterana organización do Partido Galeguista (PG) de Viveiro. Organizada sobre a sección local da Irmandade Nacionalista Galega, unha das poucas que resistiu a travesía do deserto da segunda metade da década dos anos 20 e impulsada por Ramón Vilar Ponte e Cesar Parapar Sueiras, non tardou en converterse nun actor central na política local e no motor da actividade nacionalista na área occidental da Mariña. O traballo persistente do núcleo de dirección da organización conseguiu sumar aquel núcleo inicial procedente da vella irmandade a novos adherentes, incrementando en xullo de 1936 a 59 afiliados de extracción social diversa e situando a un militante, Balbino Cerdeiras Rei, como alcalde.

O traballo da sección local de Viveiro do Partido Galeguista deixou pegada e a represión cebouse cos seus dirixentes máis significados. O secretario xeral da formación, César Parapar Sueiras, foi fusilado en Lugo o 17 de decembro de 1936, caendo canda el Xavier Soto Valenzuela, impulsor da Irmandade da Fala de Vigo, inscrito no libro de rexistro do PG como adherente pero concelleiro de Esquerda Republicana. O alcalde do municipio e membro do Consello Local da formación, Balbino Cerdeiras Rei, rematou executado en Lugo o 12 de maio de 1937, morrendo o 1 de xuño de 1939 nun enfrontamento armado coa Garda Civil en Menán-Ortigueira Modesto Vilar Insua, concelleiro nacionalista en Viveiro e naquela altura agregado á loita guerrilleira.

Castro Rábade incorporouse ao Partido Galeguista en xullo de 1933. Veciño de Vieiro, parroquia de forte implantación nacionalista, onde Parapar Sueiras destacou como referencia social, fixo parte do Club de Fútbol Ultreia, sección deportiva do colectivo do mesmo nome, que disputou os seus partidos no adro da igrexa de Vieiro e cuxo equipamento coincidiu coas cores da bandeira galega.

Castro Rábade logrou relevo como xogador deste equipo, popularmente coñecido polos "eiras", dado que os apelidos dalgúns dos seus membros tiñan ese remate, como era o caso de Cerdeiras, Carreiras, Traseiras, Pigueiras ou o seu presidente Sueiras, algúns deles afiliados nacionalistas e dirixentes sindicais ben recoñecidos. A afiliación á Confederación Nacional dos Traballadores (CNT) foi a norma entre os asalariados nacionalistas de Viveiro no período republicano, significando como directivo da mesma Bernardino Núñez Rodríguez, antigo emigrante en Cuba, directivo do Partido Galeguista, condenado a morte en 1936, mais que despois de anos na cadea participou na década dos 40 nas tentativas de reorganización do nacionalismo na clandestinidade.

A tradición sindical do nacionalismo en Viveiro viña de lonxe, participando Ramón Vilar Ponte no impulso ao sindicato da construción da UXT na localidade en 1918 e facendo parte con Parapar Sueiras e outros cadros irmandiños do intento de lanzar en 1923 a Confederación Galega do Traballo, a primeira central sindical de orientación nacionalista.

Castro Rábade formou nas filas do CNT. A raíz da súa participación na folga convocada por esta organización nas minas de Silvarosa entre 28 de maio e 16 de xullo de 1935 para esixir melloras salariais e o recoñecemento da representación sindical na empresa resultou detido, sendo procesado uns meses máis tarde. O 26 de novembro de 1935 foi xulgado en Lugo acusado de abandonar o seu posto de traballo e de "favorecer por acción" o roubo dunha cantidade de dinamita da polvoreira da Silvarosa. Malia solicitar a fiscalía unha petición de 3 anos 4 meses e 1 día de prisión e a avogacía do Estado 8 anos de cárcere e 5.000 pesetas de multa, a pena viuse reducida non sendo obrigado o seu ingreso no cárcere.

Os días que seguiron ao golpe de Estado de 18 de xullo de 1936 participou na resistencia ao levantamento fascista. A consecuencia do seu papel naquelas xornadas encarcerárono no depósito de Viveiro a finais de agosto, trasladárono á prisión de Lugo o 20 de setembro e xulgárono no mes seguinte canda a outros veciños de Viveiro que "se opuxeron ao movemento nacional, elaborando diversos artefactos nos baixos do Concello con explosivos subtraídos das minas da Silvarosa" sendo condenado a cadea perpetua.

Castro Rábade permaneceu no cárcere de Lugo até o 6 de marzo de 1939 e posteriormente nun centro de detención das Palmas, nas Illas Canarias, e logo transferido xa moi enfermo á cadea da Coruña, onde morreu en cativerio no Hospital de San Martiño desa mesma cidade o 23 de outubro de 1941.

César Parapar, o irmán da fala

Coñecéreno en Viveiro como o irmán da fala e percorreu todo o camiño do nacionalismo galego na localidade até a súa execución o 17 de setembro de 1936. Fundador do grupo local das Irmandades da Fala, militante da Irmandade Nacionalista Galega, impulsor do Partido Galeguista e tenente de alcalde da cidade xungue nunha peza a conciencia nacional e de clase. 

comentarios