Os cabaleiros templarios no Reino da Galiza

As pegadas dos cabaleiros templarios son doadas de seguir na Galiza. Sexa na toponimia, for na documentación escrita, na memoria oral ou no patrimonio material, un período do Reino da Galiza está marcado por esa sorte de banca global, como os vai definir o grande Giovanni Arrighi.

Cruz de orixe templaria na igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos.
photo_camera Cruz de orixe templaria na igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos. (Foto:Nós Diario)

Os primeiros contactos dos templarios coa area galega portuguesa foron anteriores á propia legalización da orde en 1129. Segundo  Carlos Pereira Martínez, o máximo especialista do tema entre nos, en 1128 a raíña Tareixa de Portugal, a súa parella Fernán Pérez de Traba e outros nobres galegos e portugueses fixeron doazóns á Orde do Temple de diversos bens da súa propiedade situados en Portugal e na Galiza.

O asentamento e expansión da Orde do Temple na Galiza estivo ligada a casa de Traba. Fernán Pérez de Traba, fillo do conde Don Pedro, parella da raíña Tareixa de Portugal, persoa do núcleo de confianza de Afonso VII, aio e de Fernando II e unha das persoas máis poderosas das terras galegas e portuguesas foi a peza chave para instalación dos templarios no país.

Fernán Pérez de Traba

As súas relacións coa orde puideron ser anteriores a súa chegada á península, mesmo podendo ter ligado con ela nalgunha das súas viaxes a Xerusalén, véndose fortalecidas pola súa relación con Bernardo de Claraval, principal responsábel da influencia e poder do Cister. Ao tempo, Fernán Pérez de Traba foi central para explicar o apoio da coroa portuguesa e galega aos templarios, dada a súa proximidade a Tareixa de Portugal, a Afonso VII, e a Fernando II.

A máis importantes presenza dos templarios en Galiza correspondeuse cos dominios dos Traba. Así, un dos máis destacados emprazamentos, situouse no Burgo do Faro, vila fundada polo propio  Fernán Pérez de Traba e Afonso VII.

O Burgo, situado no lugar do mesmo nome do actual concello de Culleredo, ocupaba un enclave estratéxico, como porto de arribada na importante ruta comercial que unía o porto de La Rochelle con Lisboa, pero tamén polo propia existencia dunha protobuguersia dedicada ao comercio e dunha importante industria asociada a actividade pesqueira.

A Orde do Temple nas Mariñas

A Orde do Temple atopou asento en localidades das comarcas das Mariñas, Trasancos, Soneira ou Bergantiños. Así, Carlos Pereira Martínez documentou a existencia de bailías, estruturas organizativas desde a que rexían os bens que posuían nunha determinada zona, en Betanzos, San Xiao de Lendo e San Sadurniño.

As comunidades templarias situáronse nos máis importantes núcleos comerciais, sendo habituais a súa presenza a carón dos diferentes camiños a Compostela e nos portos marítimos. Un exemplo disto, foron os seus asentamentos en Guntín, Palas de Rei, Monterroso, Taboada ou A Golada.

A presenza da Orde do Temple foi inferior nas terras do sur da Galiza. Así para a comarcas de Ourense, os investigadores sinalaron unha única bailía situada en Santa María de Amoeiro, con propiedades e intereses ao longo das comarcas de Trives, O Ribeiro e Valdeorras, zonas nuns casos dunha importante actividade vitivinícola e noutras de significado lugar de tránsito para os viaxeiros a Galiza.

Os templarios en Vigo

A mesma situación repetiuse nas comarcas de Pontevedra, cunha soa bailía, neste caso localizada na parroquia viguesa de Santa María de Coia, con bens concentrados na área de Vigo, Redondela, Tui, Pontevedra e O Salnés.

O final dos cabaleiros templarios non foi igual en Portugal que na Galiza. A desaparición da orde, após unha resolución papal ao ditado dos intereses do rei de Francia Felipe O Fermoso fortemente endebedado cos templarios, rematou coa incautación dos seus bens.

O rei portugués Don Dinís prestou proteccións ao Temple, reconvertida nunha nova orde coñecida como os Cabaleiros de Cristo que conservaron os bens dos templarios pero organizada sobre uns novos criterios, onde algúns nobres galegos como Nuno Freire de Andrade acadaron as máximas responsabilidades.

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios