Coñecer: do papel de Torrente Ballester na represión a Carvalho Calero á raíña Elvira Mendes e á simboloxía da morte na arte

Este sábado acompaña Nós Diario o caderno "Coñecer", sobre patrimonio cultural e natural, historia, arte, museos e arquivos. Eis as temáticas que debulla este número.

A sinatura de Torrente Ballester nas actas sobre Carvalho Calero (Imaxe: Manuel Gómez)
photo_camera A sinatura de Torrente Ballester no informe sobre Carvalho Calero (Imaxe: Manuel Pazos Gómez)

CAPA COÑECERMáis un sábado Nós Diario chega acompañado dun dos seus cadernos. Desta vez, do "Coñecer", en que significadas sinaturas da arte, da historia e da memoria contribúen a divulgar a realidade galega desde distintas perspectivas.

O número abre cun artigo de Mercedes Rozas sobre a simboloxía da morte na arte e sobre as moitas maneiras de apercibirnos do sentido da caducidade da vida: "nos reloxos de area, caveiras ou nas froitas madurecendo batemos de cara coa mellor metáfora do tránsito do fugaz", explica a crítica de arte.

A muller, na Historia

O historiador Alexandre Peres Vigo achéganos á figura da raíña Elvira Mendes, á que considera "un raio de luz entre moitas sombras na Galiza do ano mil". 

“A revisión da historia continúa a afrontar hoxe a tarefa de visibilizar o papel das mulleres nun pasado tradicionalmente explicado en chave masculina. Con todo, se as referencias á muller aínda resultan anecdóticas en moitos manuais de historia e libros de texto, falar da existencia de galegas influentes e poderosas na Idade Media, semella, aínda hoxe, sinxelamente impensábel”, advirte o autor.

O investigador Celso Milleiro descóbrenos o papel de Xerardo Lobeira, ao que cualifica como "heroe da resistencia francesa". Dá conta nun artigo da loita contra o fascismo en Euskadi e Francia deste mariñeiro galego.

Carvalho Calero e Torrente Ballester

Manuel Pazos Gómez entra nun dos capítulos menos difundidos da vida de Ricardo Carvalho Calero, a represión que sufriu por parte dos fascistas. O homenaxeado co Día das Letras 2020, sufriu un proceso sumarísimo de urxencia, "acusado de cometer delitos de rebelión militar penados no título VI, capítulo primeiro, do Código de xustiza militar de 1890 e no Bando declarativo do estado de guerra publicado en días posteriores ao golpe de 1936".

O investigador expón que "o aval de Torrente Ballester asinado en Ferrol o 7 de abril de 1939 é totalmente explícito e verídico" na causa contra Carvalho Calero.

Entre outros contidos destacan o selfie da escritora Alicia Garrido, autora de José Darriba Puente, o fillo da Licha. Memoria dun fusilado. Un episodio da represión franquista en San Clodio de Ribas de Sil. Así como os artigos de Paula Vázquez Verao, Xosé L. Pastoriza Rozas, Lois Diéguez, Xosé Álvarez Castro e Montse Fajardo.

Un número para non perder quen quere coñecer máis sobre a historia da Galiza.

[O caderno "Coñecer" acompaña o Nós Diario do sábado 17 de abril. Se aínda non es subscritora ou subscritor, preme nesta ligazón

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios