A derrota da causa galega en 1230

O comezo do fin da independencia da Galiza

A morte de Afonso VIII é o punto de partida para o proceso de incorporación subordinada da Galiza ao espazo castelán. Malia que Sancha e Dulce foron confirmadas como raíñas polo partido galego á  morte do pai, Fernando III, apoiado polos magnates casteláns e o Vaticano, reclamou o trono galego, rachou cos acordos asinados no tratado de Toro e iniciou o seu avanzo cara Galiza, avalado por unha bula do papa Honorio III que o declarou herdeiro da coroa galega.

rei Afonso VIII
photo_camera Representación do rei Afonso VIII. (Foto: Nós Diario)

Mentres galegos e casteláns se preparaban para unha nova contenda militar, as raíñas Berenguela de Castela e Tareixa de Portugal, antigas esposas de Afonso VIII e nais dos contendentes ao trono pactaban en Valenza a renuncia á coroa galega de Sancha e Dulce, finalmente, formalizada en Benavente en decembro de 1230.

A renuncia á coroa de Sancha e Dulce atendeu a diversos motivos. A ausencia de  apoios internacionais á causa galega significados no patrocinio do Vaticano e do Císter ao candidato castelá, a negativa de Portugal a defender ás infantas conforme ao acordado no tratado de Baroncelle, a superioridade militar castelán no contexto peninsular e a propia división interna no reino galego, con importantes apoios para Fernando III na área leonesa e zamorana.

Aínda así, o partido galego ergueuse contra Castela, organizando a contestación á política de Fernando III e buscando unha nova alternativa ao trono que garantira a existencia de Galiza como un reino independente.

A resistencia galega a Fernando III

O proceso de incorporación subordinada da Galiza á coroa de Castela non estivo exento de conflitos. A propia Crónica latina de los reyes de Castilla, escrita con práctica total seguridade polo chanceler de Fernando III, Juan de Soria e central na reelaboración da historia peninsular nunha perspectiva castelanista, recolleu que “o noso rei posuíu en paz o reino paterno, agás Galiza á que non puido acudir de inmediato, e na que perduraba unha turbación que duraba desde a morte do pai”, confirmando as dificultades xa sinaladas por outras fontes do novo rei para entrar na Galiza.

Lucas de Tui, o historiador leonés ao servizo da raíña Berenguela e o seu fillo, no seu Cronicon mundi, non ten máis remedio que recoñecer a oposición dos galegos ao monarca castelán, afirmando que ao morrer Afonso VIII “houbo unha gran turbación no reino, porque moitos cabaleiros queimaron moitas poboacións e deixáronas sen as murallas que fixera o rei Afonso e esforzábanse tamén para resistir ao rei Fernando”.

Precisamente, o novo monarca, Fernando III, acudiu á represión para fender a resistencia galega, afirmando outra vez Lucas de Tui que “desterrou a todos os cabaleiros que queimaran os palacios do pai”.

Afonso de Molina, rei da Galiza

O partido galego non renunciou á loita e mesmo tentou formalizar outra candidatura ao trono.

A alternativa proposta polos defensores da continuidade de Galiza como reino independente, apoiada pola practica totalidade dos señores galegos, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo, unha parte da nobreza da área leonesa como Roi Fernández de  Valduerna en Astorga, ou García Rodríguez de Carnota, que chegou a tomar a cidade enfrontándose ao propio bispo, foi Afonso de Molina. 

Afonso de Molina, fillo de Afonso VIII e Berenguela de Castela, irmán de Fernando III e pai da famosa María de Molina, non respondeu  aos designios dos galegos, recollendo a Crónica latina de los reyes de Castilla “os galegos querían alzar como rei ao seu irmán, o infante don Afonso, e por verdade así era, mais el non quixo ser”.

Máis en Información do Reino
Comentarios