Facer memoria no paraíso da impunidade

O rostro da barbarie

Onde matar saíu de balde, roubar foi o modo de amasar moitas grandes fortunas e a mentira submisa a argamasa coa que se forxaron os principais medios de comunicación actuais, non debemos estrañarnos das dificultades da empresa de pór nome aos culpábeis dos abusos que están no fundamento deste Estado.
Milicianos fascistas en Cangas do Morrazo. // Nomes e Voces
photo_camera Milicianos fascistas en Cangas do Morrazo. (Foto: Nomes e Voces)

Se ninguén pagou pola represión foi grazas á complicidade dos que traficaron coa dignidade das vítimas a cambio de concesións que non afectaron ao esencial do botín acadado polos vencedores. O labor deses cómplices explica que nestes momentos, cando nin sequera é bioloxicamente factíbel facer xustiza á grande maioría dos e das culpábeis, resulta que non se permite investigar e divulgar os protagonistas do terror, amósase reticencia en retirar as distincións a quen exerceu a represión máis brutal, impídese a xuíces e a fiscais tramitar querelas contra eses delitos e mesmo se pon atrancos á xustiza universal (querela arxentina) para que faga o que aquí non é posíbel e, por enriba, normalízase e convídase a toda clase de tribunas aos que fan apoloxía daqueles actos execrábeis. Pero até que punto a transición non foi algo máis que unha transacción? 

Se acaso alguén pode acreditar que por prudencia e, tendo en conta a correlación de forzas nos primeiros anos, houbese quen considerase que era conveniente non tocar o tema para non enfadar os xenocidas que aínda tiñan moita capacidade de seguir matando. Mais logo de tanto tempo só se pode entender que se manteña esta “Razón de Estado” cimentada na impunidade, pola convicción confluente con quen sementou o pánico na poboación do beneficioso que este foi para tres propósitos fundamentais que pretenderon salvagardar: a estrutura centralista do Estado, o sistema capitalista e a monarquía como lexitimidade dun poder político que non precise o consentimento da cidadanía.

Eses foron os tres principais fins que marcou quen se levantou en armas contra unha República que non era precisamente socialista nin sequera respectaba os dereitos dos pobos a súa libre autodeterminación, pero que si fomentaba a perigosa idea de que o poder debía residir no pobo e este, a través das súas escollas e dentro dun pluralismo político libre e aberto, tería que ir decidindo o seu destino. 

Crise de lexitimidade

O horror dos actos que cometeron non pode impedir ver que todos eles tiñan unha intencionalidade política. Pretensión que, como queda dito, non dista moito da dos que hoxe xustifican, esquecen ou desvían a mirada a respecto deste pecado orixinal que arrastra o actual réxime. Un réxime en crise de lexitimidade e que precisa lavar a cara como sexa para conservar a posición de vantaxe lograda polos grupos que o defenden e que están onde están grazas aos actos atroces que se empeñan en ocultar. Isto explica a presentación doutra “lei da memoria”, mais desta volta á defensiva.

Non é a situación da primeira, onde a causa memorialística era débil. Hoxe é o Goberno estatal quen precisa dunha manobra de distracción como esta para desviar a atención dos escándalos acumulados sobre a ausencia duns mínimos homologábeis en materia de Dereitos Humanos a respecto doutros Estados que partiron de situacións semellantes á sufrida polo noso.

A exposición de motivos da devandita lei é unha enumeración de referencias a desvergoñas escandalosas: as medallas a torturadores (Billy el Niño), o informe do relator da ONU Pablo de Greiff, a incompatibilidade coa Declaración sobre a protección de todas as persoas contra as desaparicións forzadas, a existencia da Fundación Franco (o Parlamento Europeo pediu no ano 2018 ao Goberno español a ilegalización) etc. 

Logo proponse unha norma que dá unha resposta superficial a estas cuestións sen entrar no problema de fondo que xera todas estas indecorosas condutas que afean internacionalmente o actual aparello xurídico-político que se daba por moi exemplar, democrático e progresista. Mesmo un orgullo froito dunha transición que se propuña como modelo a imitar ao resto do mundo, mais, aos poucos, vai amosando as súas vergonzas até desembocar nunha anomalía inaceptábel.

Se queres seguir a ler esta interesante reportaxe non perdas o capítulo de mañá do coleccionábel Os nomes do terror que sae publicado no teu Nós Diario. Poderás atopalo nos quiosques ou para a súa lectura na nube a través desta ligazón. Se queres evitar que se che esqueza algunha entrega, subscríbete agora mesmo!


 

Comentarios