Rosón, un falanxista no Parlamento

O pleno do Parlamento da Galiza debate hoxe unha proposición non de lei para retirar o nome de Antonio Rosón á sala de reunións da Xunta de Portavoces da Cámara galega. A proposta pretende restaurar a legalidade en materia de memoria histórica e abre o debate sobre o papel das institucións en relación cos vitimarios. 
A sala Antonio Rosón do Parlamento da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza) #parlamento #pp #antoniorosón #falanxista
photo_camera A sala Antonio Rosón do Parlamento da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza)

O pasado 27 de xullo, a Mesa do Parlamento, cos votos favorábeis do PP, a abstención do PSOE e a negativa do BNG, acordou designar como sala Antonio Rosón a estancia da Cámara galega onde decorren as reunións da Xunta de Portavoces. A proposta ten xerado un gran malestar entre as filas do movemento pola memoria, dada a vinculación do homenaxeado coa ditadura franquista, así como en parte da oposición, que tenta agora emendar a iniciativa dos populares. Neste sentido, desde o BNG defenden “substituír o nome de Antonio Rosón Pérez por outro que concite o acordo de todos os grupos e que sexa respectuoso coa lexislación en materia de memoria histórica, co dereito internacional e coa memoria das vítimas”.

“As institucións públicas deben dar exemplo no respecto á memoria das vítimas da represión franquista, polo que non deben render homenaxe a unha persoa tan directamente implicada na persecución e eliminación de ninguén por motivos políticos”, sinala o autor da iniciativa, Luís Bará, quen considera que “a condena do franquismo non pode ser compatíbel co enxalzamento de persoas que tiveron un papel tan destacado na imposición das ideas por medio da violencia e o terror. Non se pode, en definitiva, condenar o franquismo pola mañá e glorificalo pola tarde”.

Nesta dirección, considera “cando menos estraño” o procedemento seguido para a aprobación da proposta, xa que “non foi incluída como tal na orde do día, senón que foi introducida pola porta de atrás”, no apartado de Comunicacións, rogos e preguntas.

Bará entende que dar á unha sala da Cámara galega o nome de Antonio Rosón “non é acorde co estabelecido na Lei de memoria histórica, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas en favor de quen sufriu persecución e violencia durante a guerra civil e a ditadura”. Ao tempo, sinala que “contravén os principios estabelecidos nas convencións e acordos internacionais en materia de graves violacións dos dereitos humanos, e que regulan os dereitos das vítimas á xustiza, á verdade e a reparación”. Asemade, significa que Rosón “tivo un papel destacado no golpe militar contra a democracia en xullo e 1936 e foi participante directo da represión exercida na zona de Becerreá e Cervantes”. 

A familia Rosón e a represión

A sospeita paira sobre a figura de Antonio Rosón desde xullo de 1936. En xuño de 1977, o xornalista José Luis Morales daba a coñecer nas páxinas da revista Interviu un pioneiro traballo de investigación sobre a participación no aparello represivo franquista dos irmáns Antonio e Luis Rosón Pérez así como dos seus curmáns Fermín, Manuel e Pascual. A crónica de Morales recollía o testemuño de varios veciños da comarca dos Ancares que implicaba diversos membros do clan dos Rosón na persecución aos demócratas após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936, chegando a ordenar a un xulgado de Madrid o secuestro da publicación para protexer a esa familia con importantes ligazóns nos aparatos do Estado.

Rosón deixou testemuño sobre a súa actuación como comandante militar de Becerreá entre xullo e finais de setembro de 1936, os meses máis duros da represión franquista na comarca dos Ancares con ducias de asasinados en diferentes concellos da zona. Así, na causa militar 339/37 sinala “que actuou como comandante militar de Becerreá desde o 21 a 22 de xullo, que en unión de 20 falanxistas recobrou a vila de Becerreá, expulsando dela os marxistas e que cesou a petición propia nos últimos días de setembro”. Na mesma instrución, recoñece participar na columna do comandante Revuelta en Ibias (Asturias) e na columna que “mandada polo Xefe de Liña da Garda Civil de Sarria”, “actuou en Donís (Cervantes)”, de triste lembranza para as xentes dos Oscos e dos Ancares.

Rosón volveu anos despois sobre esta etapa da súa militancia, antes de tentar agochar un pasado molesto para a súa carreira política. Así, en 1942, nun informe remitido ao Xefe Provincial do Movemento en Lugo destaca que “en Becerreá proclamou o Estado de Guerra, pola súa condición de Alférez de Complemento, e á fronte da Organización da Falanxe, pacificando a comarca, organizando destacamentos na liña fronteiriza con Asturias, sendo o único en todo o partido xudicial que fixo fronte á organización marxista…”. 

Un corredor político de fondo

Fixo parte dunha familia que ocupou importantes responsabilidades en Lugo desde a Restauración. Falanxista de antes de 18 de xullo, presidente da Deputación Provincial, persoa de referencia do sindicato vertical agrario e procurador nas Cortes franquistas, exerceu de home forte da Unión de Centro Democrático (UCD) en Lugo, ocupando a xefatura da Xunta pre autonómica e presidindo o Parlamento da Galiza como militante de Alianza Popular (AP).

Comentarios