As tres rosas vermellas do Candedo

Eran unha e dúas e tres mulleres, avoa, neta e filla. Pobres de solemnidade, xornaleiras e caseiras no lugar de Candedo, onde a Serra do Xistral acode a atoparse coas Fragas do Eume, alí onde as últimas curvas da Gañidoira van deixando o Concello de Ourol, co permiso do lugar de Xan Branco, para atoparse coas terras de Muras.

.
photo_camera .

Falo de María Xosé, solteira, nai dunha moza e dun mozo que naquela altura loitaba á forza na fronte do Ebro, Felicitas, filla da anterior que non chegaba aos trinta anos e Encarna Casabella Fernández, segundo o rexistro civil de trece anos de idade.

Era un 16 de abril de 1938 e as veciñas e veciños velaban a un dos seis fillos da tia Perfecta, na casa do lado das Casabella, cando un asistente ao velorio veu como Alexandre Temblas Paz, Secretario xeral da Agrupación Socialista de Ourol, entraba na casa destas unha e dúas e tres mulleres. Non tardou en presentarse no lugar, rodeando a mesma, un partida de falanxistas e garda civís dirixidos polo Alcalde de Ourol Antonio Ladra e o xefe Local da Falanxe, Emilio Bouza que comezaron a disparar agardando dar remate a cacería que tiñan aberta contra o maior dos Temblas, cuxa cabeza “vivo ou morto”, estaba valorada en cen mil pesetas. Aínda así este logrou fuxir ferido após bater contra unha grade tras saltar pola ventá e mesmamente utilizou un vimbio para frear a hemorraxia na perna, e percorreu uns dez kilometros chegando a Xerdiz, porén a fuxida rematou dous ou tres días despois ao ser localizado e asasinado no lugar do Balteiro.

"Unha Felicitas, atopábase morta, aínda así avoa e neta,refuxiadas na corte e abrazadas unha contra a outra, coñecedoras do compromiso que os falanxistas acadaran co tío Vicente do Requeixo de respectar as súas vida, saíron a aira".

Era un 16 de abril de 1938 e a noite presentábase longa até que o  tío Vicente do Requeixo, parente das Casabella, presente no velorio  do fillo de Perfecta, ofreceuse  voluntario a entrar na casa  para que as súas parentes saíran. Unha, Felicitas, atopábase morta, ben polas balas ben pola metralla das granadas usadas polos fascistas, aínda así avoa e neta, refuxiadas na corte e abrazadas unha contra a outra, coñecedoras do compromiso que os falanxistas acadaran co tío Vicente do Requeixo de respectar as súas vida, saíron a aira. O compromiso rematou cando saíron pola porta daquela vivenda, cunha aira chea de veciños os falanxistas e os garda civís asasinaron a María Xosé e procederon a entrar na casa en busca de Alexandre Temblas, diante da ausencia deste, media hora máis tarde dispararon e mataron a Encarna, unha muller nena de trece anos de idade.

Era un 16 de abril de 1938, día de non rematar, a así as forzas da reacción procederon a queimar aquela vivenda e matar o gando das nosas “tres rosas vermellas” e esfolar un año e un cabrito que os falanxistas e gardas civís após o crime foron a cear á taberna de Xan Branco. Os corpos das mulleres atoparon acomodo no carro de vacas Farruco do Couce que botou palla polo chan do carro se ben non puido evitar que quedase un regueiro de sangue polo camiño do Candedo ao cemiterio do Chao de Ourol, sendo enterrados nunha fosa ao pé do mesmo. O tío Farruco do Couce non tardaría en morrer tras os golpes que recibiría de mans dun Garda Civil, unha vez traslados os cadáveres, que pretendían meterlle medo. O fillo de María Xosé, naquela altura na fronte, non volvería máis a Ourol e emigraría a Uruguai após o remate da Guerra.

"Afirman a día de hoxe que de cando en vez no terreo onde estivo a vivenda das Casabella aparecen uns mechóns peliroxos que se corresponde co pelo da  muller nena das Casabella"

Eran até dez casas no Candedo o 16 de abril de 1938, hoxe só fican unhas ruínas nos que unha placa colocada polo BNG lembra os feitos. Algunhas veciñas e os veciños de Ourol afirman a día de hoxe que de cando en vez no terreo onde estivo a vivenda das Casabella aparecen uns mechóns peliroxos que se corresponde co pelo da  muller nena das Casabella. No que non hai dúbida, a traxedia xa se tornou en lenda,  é que as manchas vermellas sobre as pedras do camiño entre o Candedo e o chan de Ourol eran do sangue das mulleres que foron enterradas xunto a porta do camposanto situado á beira da igrexa.

Comentarios