O Rosal dá voz á súa memoria máis viva

Marcola González, de 97 anos, e Nemesio Castro, de 91, son os primeiros protagonistas dun proxecto que busca a recompilación do patrimonio inmaterial vivo contado en primeira persoa.

memoria_viva-o_rosal
photo_camera Marcola González e Nemesio Castro asinan os libros editados coas súas memorias (Foto: Nós Diario)

Nun emotivo acto no auditorio municipal, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, presentou na sexta feira, 18 de xuño, o proxecto Memoria Viva, unha iniciativa "que xorde do convencemento de que era fundamental traballar na recuperación e recompilación dese patrimonio inmaterial vivo que teñen atesourado as nosas persoas maiores para que non caia no esvaecemento".

Trátase dun proxecto plurianual que busca pór en marcha un sistema de salvagarda das lembranzas das persoas de maior idade do Rosal e que recollerá en vídeos documentais e libros as testemuñas e vivencias da veciñanza, a súa visión de momentos históricos ou a forma de vivir doutros tempos.

Nemesio Castro (91 anos) e Marcola González (97) son os protagonistas da primeira edición deste proxecto de temática transversal en que se recolle "o punto de vista de dúas persoas tan implicadas sobre a realidade que lles tocou vivir no noso pobo", en palabras da alcaldesa.

El, "un home a que case todo o mundo coñece polo extrovertido que é e porque sempre que fala do Rosal faino con orgullo e paixón. É parte do legado do noso pobo e ten un vínculo moi especial cun valor patrimonial fundamental para nós como son os muíños do Folón e do Picón, porque como el mesmo di non sei se fun do muíño para casa ou de casa para os muíños porque os muíños son a súa casa".

Ela, "a tendeira de Novás, a tenda que era o centro de operacións de todo o barrio. Unha muller avanzada aos seus tempos, que sempre foi dous ou tres pasos por diante da realidade que lle tocou vivir. É unha muller que na súa vida foi rachando barreiras e teitos de cristal. Aprendeu a ler naqueles tempos, sacou o carné e aprendeu a nadar de maior... e acredita a forza da xente nova para construír o futuro".

Despois de visualizar os dous primeiros vídeos documentais do proxecto, a alcaldesa fixo entrega de dous ramos de flores a Marcola e Nemesio. O Concello quixo tamén sorprender ao muiñeiro máis coñecido do Rosal, que xusto fai 91 anos este sábado, 19 de xuño: o director da Banda de Música, Javier Alonso, que canda ao seu alumno Rubén tocaron ao piano e ao saxofón a melodía do Aniversario feliz mentres todo o auditorio lle cantaba.

"Explica porque somos quen somos"

"Damos un paso importantísimo, porque non só queremos recoller pouco a pouco ese patrimonio inmaterial que temos, senón que temos a oportunidade de facelo cos seus protagonistas contándoo en primeira persoa. Esta memoria está viva e ese é un valor diferencial deste proxecto, xa que estamos afeitos a recoñecementos póstumos", salientou a rexedora.

"Traballamos con material moi delicado e faremos un esforzo por recoller tantas persoas maiores como nos sexa posíbel, tantos avós e avoas do Rosal que teñen tanto que contar sobre un pasado que explica porque somos quen somos", engadiu.

O evento estivo guiado polo rosaleiro Javier Lago e contou coa presenza de familiares e amigos dos protagonistas, así como da deputada Victoria Alonso; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; de representantes da corporación municipal e dun cento de veciños e veciñas.

Comentarios