O Ribeiro e Ordes renden homenaxe ás persoas asasinadas pola ditadura fascista no seu 80º cabodano

Esta quinta-feira terá lugar a homenaxe aos veciños de O Ribeiro no Campo de Aragón, e o sábado aos fusilados de Ordes, no Cemiterio de Boisaca, en Compostela.

Memoria fusilados ordes franquismo

Esta semana conmemórase o 80º cabodano dos veciños de Ordes e da comarca do Ribeiro asasinados pola ditadura fascista en 1937. Na quinta-feira terá lugar a homenaxe aos ribeiráns asasinados no chamado campo de Aragón o 9 de febreiro de 1937, entre eles o alcalde Benito Gallego Montero, e o sábado, aos fusilados o día 8 de febreiro do mesmo ano no Cemiterio de Bosaica, en Compostela.

Asasinados do Ribeiro

Cinco veciños da comarca do Ribeiro foron asasinados, no chamado campo de Aragón, no recinto do cemiterio de San Francisco e Ourense. Catro deles condenados polos tribunais dos militares sublevados, mentres un quinto foi levado ante o pelotón de fusilamento desde a súa cela do cárcere de San Francisco sen formación de causa. Esta instrución da xustiza militar foi a maior instruída na provincia de Ourense, sendo procesados cento seis veciños da comarca do Ribeiro, cincuenta e cinco deles sometidos a consello de guerra. O tribunal acabou por ditar catro penas de morte e vinte e unha de reclusión perpetua, a parte doutras penas de prisión ou de incautacións de bens. Esta sentenza non só segou a vida dos fusilados o martes de carnaval día 9 de febreiro de 1937, senón que outros seis condenados a penas de reclusión finaron nos cárceres de Pamplona, a illa de San Simón ou Celanova.

As familias realizarán unha ofenda floral e unha lembranza aos homenaxeados á 13:00h no Campo de Aragón, ás 14:00h no Cemiterio de San Paio de Ventosela (lugar de enterramento de Andrés Centrón), ás 16:00h no Cemiterio de Ribadavia (enterramento de Benito Gallego, Celso González e Fidel Blanco) e ás 16:45h no Cemiterio de Quins (concello de Melón, enterramento de Benito Quintas).

Fusilados de Ordes

O día 8 de febreiro de 1937 foron fusilados, no paredón do Cemiterio de Boisaca, 11 veciños de Ordes e outro máis paseado con anterioridade o día 9 de setembro de 1936.  O seu delito foi defender a democracia e a liberdade fronte á sublevación fascista do 18 de xullo de 1936. O sábado, as 10:00h no patio da antiga cárcere do Pazo de Raxoi, lugar onde os veciños viviron os seus últimos momentos, cun minuto de silencio en memoria de todas as persoas que sufriron cadea nese espazo. Posteriormente, iniciarase unha marcha até o Cemiterio de Boisaca onde se celebrará o acto principal ás 12:00h, diante do monumento situado a rentes do muro que delimita a entrada. 

Comentarios