mércores 14/04/21

Ribeira manterá a simboloxía franquista

PP e PBBI tomban no Pleno a proposta do BNG para que se retirase do rueiro nomes de falanxistas.

Acto contra o franquismo xunto á Casa Cornide da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Imaxe dun acto contra o franquismo (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A represión franquista bateu con forza en Ribeira. Neste concello do Barbanza unha vintena de persoas foron ‘paseadas’ ou fusiladas polos franquistas, cifras á que hai que engadir a de procesadas (case 70) ou presas (perto de 40).

Porén, e 46 anos despois da morte de Franco, na localidade mantense a simboloxía franquista. Por exemplo, referencias no rueiro a "falanxistas como Diego Delicado ou Rodríguez Bautista" ou manter as honras e distinción a destacados falanxistas como Fernando Suárez Tangil e a José María Rivera de Aguilar, colaboradores da ditadura.. Unha “anormalidade democrática” á que o BNG de Ribeira quixo poner fin cunha moción na que demandaba a supresión dos vestixios da ditadura, xa que é preciso avanzar "cara a restitución da memoria democrática" no concello.

Mais a moción non saíu adiante: tumbárona o PP e PBBI, Partido Barbanza Independente, unha escisión do Partido Popular da que fan parte nomes que tiveron responsabilidadesde Goberno co PP en anteriores mandatos. “É unha escisión pola deita do PP”, explican fontes ribeirás.

Ambas as dúas formación da dereita sumaron forzas para impedir que prosperase a moción do BNG, que si tivo o apoio de PSOE e Suma Ribeira.

O portavoz municipal do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez Cobas, cualificou de “aldraxe á democracia” o resultado. Denunciou que a posición de PP er PBBI supón un “branqueamento do fascismo e denotan complicidade cos actos atroces que esta ideoloxía cometeu: fusilamentos, paseos e represión”.

O voceiro do BNG lembrou que distincións análogas foron retiradas en moitos outros concellos, tamén gobernados polo PP, como Burgos, Córdoba, Palencia ou Alacant. Xa que logo, afeoulles a súa posición ultra, que tan só pode xustificarse por unha deriva “fascistoide” da agrupación local popular.

comentarios