sábado 23/10/21

Ribadeo aproba por unanimidade retirar o título de alcalde honorario a Franco

O ditador recibira este nomeamento en 1939, após finalizar a Guerra Civil.
Vista aérea do Concello de Ribadeo. (Foto: Humberto Fernández / Concello de Ribadeo)
Vista aérea do Concello de Ribadeo. (Foto: Humberto Fernández / Concello de Ribadeo)

A corporación municipal de Ribadeo vén de aprobar a retirada do título de alcalde honorario do concello ao ditador Francisco Franco. A decisión de suprimir estas honras que obtivera en 1939, unha vez rematada a Guerra Civil, foi unánime.

O BNG, o PSdeG e o PPdeG deron o visto e prace á proposta que partía da Alcaldía.

Segundo recolle a moción aprobada, as e os técnicos do Concello de Ribadeo comprobaron recentemente que unha acta municipal do 6 de xullo de 1938 recolle o recoñecemento como alcalde honorario a Francisco Franco.

Desta forma, a proposta que chegou ao pleno desta semana indicaba que o nomeamento representaba unha "exaltación" á figura de Franco. 

En consecuencia, considerouse "preciso que sexa retirada" dada a "obrigación moral e legal" do Concello de "eliminar todo rastro da ditadura franquista".

"Ribadeo non merece ter a un ditador como alcalde honorario", subliñou o texto.

Por iso, acordouse a revogación daquel acordo plenario do ano 1939 e a retirada do recoñecemento a Franco "por ser incompatíbel coas leis democráticas vixentes" e "como símbolo de xustiza e de reparación".

comentarios