O monográfico de Sermos, en Lugo e no Carballiño

Revoltas na época da Restauración

As revoltas campesiñas durante o réxime da primeira Restauración ocupan os ensaios reunidos en Rebeldía galega contra a inxustiza, o primeiro monográfico da serie De nós publicada por Sermos Galiza. Esta semana presentarase en Lugo -cuarta feira, ás 19.00 na libraría Trama- e no Carballiño -quinta feira, ás 20.30, no Casino.
 

Foto mani Carballiño
photo_camera Manifestación no Carballiño despois dos sucesos de Oseira.

O sindicato agrario Federación Rural Galega (Fruga) organiza o acto lugués. Nel participarán o ex deputado do BNG e coautor do volume Francisco Rodríguez, o coordinador do mesmo Xosé Ramón Ermida, o presidente do consello de administración de Sermos Xoán Costa e mais o portavoz de Fruga en Lugo, Elías Somoza.

“A publicación realiza un percorrido por diferentes episodios das protestas desenvolvidas na Galiza da primeira Restauración, reparando naquelas que remtaron coa morte, a mans das forzas de seguridade do Estado, dalgúns dos seus protagonistas”, indican desde a organización labrega. Salcedo, Nebra, Trasancos, Sofán, Sobredo ou Oseira son algunhas das revoltas estudadas.

Na quinta feira, Rebeldía galega contra a inxustiza chegará ao Carballiño. Da man da asociación cultural Avantar, Ermida -que tamén é coautor-, o membro do consello de administración de Sermos Nemesio Barxa e máis Andrés Fernández, de Avantar, exporán as motivacións e contidos do monográfico.

“Os sucesos de 1909 en Oseira son clarificadores da crise de réxime da Restauración”, considera Xosé Ramón Ermida, “da socialización do seu rexeitamento e da emerxencia de novos sectores sociais que a cuestionan con máis ou menos consciencia”. A mesa redonda será ás 20.30 horas no Casino do Carballiño.

Comentarios