No 148 aniversario

A revolta de Quiroga. Unha protesta que rematou en masacre

O 21 de febreiro de 1870 a Garda Civil abriu lume contra centos de veciños de Quiroga que tentaban impedir o cobro do imposto persoal, deixando mortos tres deles.

Carga de la Guardia Civil
photo_camera Reproducíón de "La carga", cadro de Ramón Casas

Segundo recollían nos días seguintes diversos medios de comunicación do estado, os asasinatos producíronse após varias semanas de conflito, sinalando que na xornada do día 21, a seguir varias horas de enfrontamento, na que resultaron feridos o recadador de impostos e dous números das forzas da orde, produciuse a masacre. El Puente de Alcolea, un dos máis coñecidos voceiros do republicanismo federal, non dubidada en afirmar o 23 de febreiro “semella que en Quiroga, na provincia de Lugo, houbo antonte unha revolta, dando como resultado a morte de tres paisanos. A todo isto dá lugar a premeditación con que o Sr. Figuerola tenta poñer en marcha novos impostos, debéndose proceder neste aspecto con maior prudencia e xustiza. Pois estase a producir o escándalo, de que mentres nos pobos esíxese polo modo de apremo a contribución persoal, nas poboacións grandes non se fixo até agora nin tan sequera o reparto”. 

A faísca que prendeu o lume en Quiroga foi o cobro do imposto persoal, porén as razóns do descontento e da revolta son máis de fondo. A reforma fiscal de Figuerola, primeiro ministro de facenda do sexenio, non fixo máis que avanzar nas liñas trazadas na lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular, onde Galiza xogaba un papel subalterno,  fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo. Así, o imposto persoal, criado para substituír os odiados consumos, non só resolve os problemas que estes viñan xerando, senón que aumenta a carga fiscal de Galiza, aumenta as arbitrariades no cobro, significándose no caso de Quiroga as recargas que se tiñan producido no período 1868/1869, onde a contribución territorial tiña subido 14%, o subsidio 17% e os consumos 32%. Non debe estrañarnos entón, que a revolta, iniciada por volta do quince de febreiro, coincidindo coa proclamación dun novo alcalde, neste caso apoiado polo fiscal e o promotor fiscal de Quiroga, continúe despois do masacre, até o punto de que a comezos de abril de 1870 a prensa galega e española volven a chamar a atención sobre novas protestas na localidade.

O 21-F de 1870 son asasinados pola garda civil tres veciños de Quiroga que participaban nunha protesta contra o imposto persoal, alongándose as mobilizacións até o mes de abril

A revolta de Quiroga non se pode desligar da frustración provocada pola actuación gobernativa dos executivos do sexenio nos sectores populares e da axitación do republicanismo federal nos ámbitos rurais. As expectativas abertas co derrocamento de Isabel II, no marco dunha acción combinada entre unha parte do estamento militar e dos sectores civís agrupados arredor das xuntas revolucionarias, fecháronse en seco coas primeiras medidas do gabinete de Sérrano e Prim, coherentes coa axenda liberal de mercado, lei e orde. As protestas promovidas desde os núcleos republicanos contra a nova Constitución chegan a San Martiño de Quiroga en Maio de 1969, onde o avogado Camilo Pérez de Castro denuncia os incumprimentos do goberno, chama a non acatar a Constitución e defende unha república social, que poña remate aos consumos e as quintas. A conciencia social do protagonismo republicano nos sucesos de Quiroga alongarase no tempo, até o punto de reivindicar a súa memoria o Comité anti forista de Becerreá, nun comunicado de valoración dos resultados electorais de 1909, afirmando que “os nosos representantes son republicanos, como republicanos eran os mártires de Quiroga”.

Por volta de 1870, no marco dun clima explosivo en Galiza, foron reprimidas pola exército e a garda civil numerosas revoltas no país, provocando vítimas mortais en  Monforte de Lemos, Maceda, Palas de Rei, A Estrada, Sarria, Trives ou San Amaro.

Non foi un feito illado, explícase, pola contra, no ciclo de protestas sociais, seguidos moitas veces de masacres, que se sucederon na Galiza do sexenio. Só en 1870, reparando exclusivamente naquelas mobilizacións de máis repercusión ou que remataron en matanzas a mans do exército ou da garda civil , debemos facer mención, cando menos, ás revoltas de Monforte de Lemos, Maceda, Palas de Rei, A Estrada, Sarria, Trives ou San Amaro. Unha visión de conxunto das mesmas dános conta das resistencias e do carácter conflitivo da inserción de Galiza no Estado español, construción, nos seus aspectos fulcrais, dos liberais do século XIX, da situación de emerxencia da nosa sociedade e das dificultades abertas no proceso de articulación do modelo unitario e tamén da vitalidade e do carácter combativo do pobo galego. Ao tempo, sucesos como os referidos infórmannos da incidencia das posicións de avanzada social no rural galego, maiormente desde posicións do republicanismo federal pero tamén vinculadas á Internacional, significándose no caso dos primeiros, o rexeitamento ao modelo centralista e uniformizador en marcha.

Por volta de 1870, no marco dun clima explosivo en Galiza, foron reprimidas pola exército e a garda civil numerosas revoltas no país, provocando vítimas mortais en  Monforte de Lemos, Maceda, Palas de Rei, A Estrada, Sarria, Trives ou San Amaro.

Comentarios