A Galiza rebelde

Unha revolta popular esquecida que rematou con 12 asasinatos en Vimianzo

O tempo político do Sexenio (1868-1874) caracterizouse na Galiza por unha gran conflitividade social. Un ciclo de protestas inaugurado na segunda metade de 1869 co levantamento republicano federal focalizado en Ourense e Ferrol contra a proposta de constitución centralista e monárquica impulsada polo Goberno de Prim e Serrano e rematado a finas de 1873 coa revolta internacionalista de Viana do Bolo de decembro de 1873, articulada arredor da voz de orde: "Madrid, a besta que rouba e oprime Galiza". Os sucesos de Vimianzo de xullo de 1873 non deixaron de ser un capítulo máis deste proceso de mobilización contra o proxecto centralizador no territorial e liberal no económico imposto pola oligarquía española ao longo do século XIX.

A carga, cadro modernista de Ramón Casas onde retrata as prácticas represivas da Garda Civil. (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'A carga', cadro modernista de Ramón Casas onde retrata as prácticas represivas da Garda Civil. (Foto: Nós Diario)

O 5 de xullo de 1873 diversos medios de prensa deron conta do asasinato de doce veciños de Vimianzo a mans da Garda Civil. Así, La Esperanza, a máis importante cabeceira católica e monárquica española do século XIX, recolleu que "alzáronse varias parroquias para resistirse ao pago, reuníndose uns catrocentos ou cincocentos homes armados que atacaron a garda en Baíñas ao berro de "Imos por eles". O oficial comandante viuse na necesidade de mandar abrir fogo para resistir o ataque, resultando 12 mortos e algúns feridos dos paisanos".

A nova, moi semellante á aparecida noutros xornais como La Regeneración ou El Pensamiento Español -todos eles de orientación reaccionaria e manifestamente opostos ás reivindicacións veciñais- sinalou que foran desprazados a Vimianzo por orde do gobernador 25 membros da Garda Civil ao mando dun oficial para facer efectivo o cobro das contribucións e do imposto persoal que as xentes do concello soneirán negábanse a pagar.

As razóns da veciñanza

A razón inmediata das protestas dos veciños de Baíñas, en Vimianzo, foi a oposición ao cobro do imposto persoal. O tributo, xurdido para substituír os consumos, expresión máis caracterizada da fiscalidade indirecta, non resolveu os problemas que viña provocando este senón que aumentou a carga fiscal da Galiza e as arbitrariedades no cobro.

O seu carácter regresivo xerou un importante rexeitamento social e institucional até o punto de solicitar de xeito unánime os representantes galegos no Parlamento do Estado a súa supresión, responsabilizándoo en 1873 o xornal madrileño El Imparcial "das protestas que percorren Galiza enchéndoa de sangue".

A política fiscal dos Executivos do Sexenio non fixo máis que avanzar nas liñas trazadas na Lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular -onde a Galiza xogaba un papel subalterno-, fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo.

As mobilizacións da veciñanza de Vimianzo explícanse na vaga de fondo que determinou a dialéctica política nese período. Nesta dirección, acada relevo o desencanto popular co réxime do Sexenio, ao non cumprir coas expectativas creadas e actuar, en coherencia coa axenda liberal, conforme aos principios de mercado, lei e orde. Un exemplo disto, foron as protestas que percorreron toda Galiza desde 1869 a 1873, rematando con importantes matanzas de civís a mans das forzas da orde, as desenvolvidas en Monforte de Lemos, Quiroga, Maceda, Palas de Rei, A Estrada, Sarria, Trives ou Santo Amaro.

Republicanos federais

As protestas de Vimianzo estiveron animadas e dirixidas por cadros republicano federais. Neste caso, nas Terras de Soneira conviviron con numerosos núcleos carlistas, algúns dos cales conformaron partidas nese momento, cunha relevante organización republicano-federal. A este respecto, cómpre significar a grande introdución e presenza social desta corrente ideolóxica nos sectores populares galegos e nos ámbitos rurais.

Ao tempo, nalgúns destes conflitos destacouse o compoñente internacionalista, recollendo a prensa do momento a aparición de bandeiras vermellas, símbolo da Internacional, nas mobilizacións de Maceda, Trives ou na mesma revolta dos Galaicos en Valdeorras.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios