A revolta de Monforte: unha protesta que rematou con tres asasinadas

O detonante da revolta foi o cobro do imposto persoal e o intento de facer efectivo pola vía de apremo o pago dos consumos de exercicios anteriores. Mais tamén había razóns máis de fondo.

Pazo de Tor.
photo_camera Pazo de Tor.

O 21 de abril de 1870 un grupo de gardas civís e carabineiros, concentrados en Monforte de Lemos para facer fronte ás protestas dos veciños contra a política fiscal do goberno e o intento de facer efectivo o cobro do imposto de consumos de anos anteriores, abren fogo contra unhas duascentas persoas que se mobilizaban na parroquia de Tor asasinando a tres  deles. Segundo recolle o xornal republicano madrileño La Discusión no seu numero do 1 de maio, “na parroquia de San Xiao de Tor, do concello de Monforte xurdiu un conflito como o de Quiroga, Maceda ou San Eladio, nesta mesma provincia, os paisanos fixeron retroceder aos carabineiros, estes abriron lume deixando varios mortos e varios feridos”. Os días seguintes outros medios de prensa española dan conta dos sucesos de Tor, informando doutros aspectos dos incidentes, coincidindo todos eles en sinalar “o alto número de persoas detidas, actualmente ingresadas nos cárceres de Monforte, Lugo e Ourense

O detonante da revolta de Monforte foi o cobro do imposto persoal e o intento de facer efectivo pola vía de apremo o pago dos consumos de exercicios anteriores. A política  fiscal do primeiro goberno do sexenio, non fixo  máis que avanzar nas liñas trazadas na lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular,  fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo. Así, o imposto persoal, criado para substituír os odiados consumos, non só resolve os problemas que estes viñan xerando, senón que aumenta a carga fiscal de Galiza, aumenta as arbitrariades no cobro, significándose no caso de Monforte con importantes alzas na contribución territorial e o subsidio. Ao tempo, como denunciaba con insistencia a prensa republicana, mentres nas áreas urbanas o goberno procedía ao cobro dos tributos dun xeito laxo, nos espazos rurais botou man da vía de apremo e dos procedementos expeditivos, abrindo a porta as masacres que se sucederon.

A revolta de Monforte responde á razóns máis de fondo que a reivindicación fiscal. A  Ribeira Sacra vivía un clima de forte confrontación  social e política, cun poderoso movemento republicano federal enfrontado ao tempo aos poderes locais e ao carlismo e con núcleos carlistas moi activos, organizados arredor dos párrocos que encabezaban as posicións máis reaccionarias. Ao tempo os executivos do sexenio tiñan provocado unha importante frustración entre os sectores sociais que promoveron e apoiaron o derrocamento de Isabel II, ao incumprir a expectativas abertas coas primeiras medidas do gabinete de Sérrano e Prim, coherentes coa axenda liberal de mercado, lei e orde. Nesta mesma liña, sería posíbel admitir a versión recollida polo xornal murciano La Paz, quen sinala a importante axitación internacionalista na zona como “consecuencia do grande aumento  do compoñente obreiro nesa poboación destinado nas obras do ferrocarril”.

Os sucesos da Ribeira Sacra debemos contextualizalos no importante ciclo de protesta social e tamén de represión que vive Galiza ao longo so sexenio. Unha visión de conxunto das mesmas dános conta das resistencias e do carácter conflitivo da inserción de Galiza no Estado español, construción, nos seus aspectos fulcrais, dos liberais do século XIX, da situación de emerxencia da nosa sociedade e das dificultades abertas no proceso de articulación do modelo unitario e tamén da vitalidade e do carácter combativo do pobo galego. Ao tempo, sucesos como os referidos infórmannos  da incidencia das posicións de avanzada social no rural galego, maiormente desde posicións do republicanismo federal pero tamén vinculadas á Internacional, significándose no caso dos primeiros, o rexeitamento ao modelo centralista e uniformizador en marcha.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios