xoves 28.05.2020

A revolta das mulleres galegas contra a fame en 1847

Foi un conflito de subsistencias no marco dunha crise xeral do sistema capitalista. Porén, na Galiza non se pode disociar das vagas sociais de fondo ligadas aos núcleos provincialistas, aínda activos após a derrota da revolución de abril de 1846. O capítulo galego da recesión mundial de 1847, aquela que analizou Karl Marx nun apartado dos 'Grundisse', testou máis unha vez o papel decisivo das mulleres na organización e dirección da protesta social.
A Coruña, nun gravado francés de 1850
A Coruña, nun gravado francés de 1850

Acrise de 1847 na Galiza expresouse nun problema de subsistencias, ao dispararse o prezo dos cereais como consecuencia dunha caída da produción, dun aumento das exportacións para un mercado europeo con dificultades de abastecemento e dunhas prácticas comerciais que favoreceron o acaparamento e a especulación.

As protestas foron a resposta a unha situación social moi complicada. O xornal madrileño El Clamor Público, no seu número de 24 de marzo, após caracterizar a situación da Galiza de “precaria e angustiosa”, sinalou que “a notábel extracción de froitos que se observou na Galiza dalgúns meses a esta parte fixo subir sensibelmente os prezos, privando dos mesmos a moitos”. Neste sentido, o historiador Pedro Díaz documentou para Galiza en 1847 unha alza na cebada de 29,59%, no trigo de 10,8% e no millo de 9,4%.

Unha revolta nacional

As razóns profundas das mobilizacións escaparon á conxuntura económica concreta, como aconteceu na práctica totalidade dos motíns de subsistencias. A este respecto, o historiador marxista británico Eduard Palmer Thompson escribiu que “o motín non é unha resposta natural ou obvia á fame senón unha complexa pauta de comportamento colectivo, unha alternativa colectiva ás estratexias de supervivencia individualistas e familiares. Desde logo os amotinados a causa da fame están famentos, pero a fame non dita quen debe amotinarse nin as formas do motín”.

A revolta tivo un carácter nacional. Se os principais núcleos urbanos do país foron escenarios dunha gran conflitividade, documentada nas crónicas de prensa da época, outro tanto aconteceu no ámbito urbano ou vilego. Así, por exemplo, para as comarcas de Compostela, O Barbanza e O Salnés, El Eco del Comercio, no seu número de 23 de abril, deu conta das “protestas vividas no mes pasado en Padrón, Rianxo, Vilagarcía e Carril”. Nunha liña semellante, El Clamor Público referiuse o 29 de marzo ás tentativas “das mulleres de Ribadeo e Viveiro para impedir a saída de embarcacións con cargamento de millo”.

As primeiras mobilizacións vivíronse na comarca viguesa entre o 11 e o 12 de marzo. Segundo o xornal madrileño El Católico, “hai días que comezou na vila de Baiona unha conmoción feminina opóndose á venda de millo. De aí, saltou a Vigo, onde unha porción de mulleres atacaron os depósitos, particularmente dun tal Tapias, onde cometeron varios excesos. Esa mesma esixencia imitouse en Ponte Sampaio, para impedir o embarque dunha porción de gran”. A mesma publicación, na súa edición de 22 de marzo, deu conta do cese das desordes “pola urxencia das autoridades a empregar a forza, roldando pola cidade a cabalaría e pola baía botes aramados da fragata Isabel II, con cuxas disposicións se contivo o populacho”.

Unhas protestas polo "pan e pola paz"

O 13 de marzo ergueuse Pontevedra. Segundo recolleu El Católico “hoxe, que se celebraba nesta capital feira, as mulleres do barrio da Moureira atacaron dous almacéns con pedradas e insultos". Pola súa banda, El Clamor Público, após denunciar “unha man oculta tras os sucesos” de Pontevedra, afirmou que “unha porción de mulleres proletarias foron as que apareceron na vangarda da asonada, as que armadas de navallas acometen e rachan os sacos das infelices aldeás”. A protesta nesta comarca só foi derrotada polo emprego masivo da forza pública e procedementos xudiciais contra as dirixentes.

O estoupido demorouse en Compostela até o 17 de marzo. O correspondente de El Clamor Público na cidade escribiu que “esta mañá atopábanse mulleres no almacén do gran público agardando a mercar, chegaron algunhas cargas e apoderáronse coma sempre os especuladores: a multitude medrou instantaneamente, desfixo os sacos con navallas e coitelos, e até algunhas mulleres na súa carraxe, á falla destas armas, fixérono cos dentes”. As manifestantes dirixíronse a continuación á vivenda do comerciante Nicolás Fariña, “onde derrubaron as ventás e destruíron varios móbeis a pedradas”

O cronista de El Clamor Público non tivo dúbidas sobre a orixe do conflito. Na súa opinión, as causas responderon “ao aniquilamento de todas as clases, ao desgusto de verse privadas do preciso sustento dos seus familiares para satisfacer inmensas contribucións, e até ao descontento de ver arrebatadas cuantiosas sumas de cereal para soster países estranxeiros: son os verdadeiros artífices da revolta”.

O liderado popular das mulleres foi decisivo na revolta galega de 1847. A participación e a dirección feminina foi a norma nos motíns de subsistencias tan característicos das formacións sociais de carácter precapitalista, sinalando Thompson que “as mulleres foron habitualmente líderes de opinión na comunidade e as que iniciaron as accións; ás veces foron as únicas executantes das accións e os homes secundáronas para amosar a súa solidariedade con elas”.

A súa decisión ficou testada en diversos episodios do conflito. Por exemplo, en Compostela, tal e como sinalou El Clamor Público, enfrontáronse ao exército “o comandante militar Don Julio Bascaran e algunha forza armada que vimos retirarse dúas ou tres veces polas pedradas de máis de 800 mulleres reunidas sen retroceder un só paso ao aspecto impoñente de cargar os fusís á súa vista e disparar tres tiros. O comandante militar abriuse paso na multitude e dirixiulles a palabra nestes termos: ‘Queren vostedes a guerra’ e contestóuselle ‘nós queremos a paz e o pan’”.

A peor parte da represión recaeu nas mulleres. Un caso ben significativo foi o acontecido en Vigo, onde, segundo El Católico, “mulleres de Vigo, Baiona, Redondela e Ponte Sampaio foron confinadas no cárcere, atopándose en agarda da resolución pola que se procesaron”

comentarios