Novo coleccionábel

'Retratos dun tempo en mudanza': 31 entrevistas para comprendermos a Galiza actual da man de 'Nós Diario'

Entre novembro e decembro as páxinas de 'Nós Diario' achegarán unha entrevista diaria a 31 persoeiros de referencia na loita política e social no final da ditadura e os primeiros anos da década de 1980. O coleccionábel é da autoría do xornalista Xan Carballa.
Pablo González Mariñas, Tereixa Novo, Bieito Ledo, Lois Diéguez, Elvira Souto, Gustavo Luca, Antón Seoane e Xosé Fortes.
photo_camera Pablo González Mariñas, Tereixa Novo, Bieito Ledo, Lois Diéguez, Elvira Souto, Gustavo Luca, Antón Seoane e Xosé Fortes, parte das 31 persoas entrevistadas.

Pepa Baamonde, Xosé Fortes, Antón Seoane ou Elvira Souto son só parte dos 31 protagonistas da loita social e política na Galiza nos últimos anos do franquismo e os primeiros após a Constitución de 1978 cuxas historias achegará Nós Diario durante os meses de novembro e decembro, de terzas a sextas feiras, nun novo coleccionábel titulado Retratos dun tempo en mudanza. Entrevistas para comprendermos a Galiza actual, da autoría do xornalista Xan Carballa.

"Son persoas nacidas nas décadas dos 40 e 50, que viviron os anos centrais da ditadura franquista. A idea era coller xente de diferentes épocas desa primeira xeración que loitou no final da ditadura e analizar o seu labor, explicar ás xeracións actuais que quizais non coñecen demasiado sobre aqueles anos chamados de 'Transición'", explica o autor a este xornal.

Carballa desbota empregar ese concepto de 'Transición', pois "por unha parte, acota demasiado no tempo, e por outra, é unha definición interesada porque dá a entender un proceso xa culminado". O obxectivo deste coleccionábel, que abarca ese período de "constante cambio" aproximadamente entre as loitas obreiras de 1972 e o referendo de adhesión á OTAN de 1986, é "mostrar a maneira que tiñan de vivir eses tempos, como irrompían na política partindo desde a clandestinidade" analizando estes referentes como "termómetro dun cambio".

"Xa hai moita bibliografía e ensaios sobre aquela época, o que buscamos con esta serie de entrevistas é falar dunha xeración de persoas entusiastas que moita xente non coñece. Fixemos unha escolla coa maior variedade posíbel, evidentemente non podiamos entrevistar todas e todos os protagonistas, mais si procuramos percorrer todo o arco político e tocar temas como a loita ecoloxista, política, ou feminista", avanza o xornalista.

No que atinxe ao feminismo, por exemplo, entrevistaranse figuras especialmente relevantes como Pilar Allegue, Nanina Santos Castroviejo ou María Xosé Queizán, nun momento histórico, a década de 1970, no que aínda era un movemento "minoritario ao que lle custaba abrirse paso mesmo no debate da esquerda".

Tamén se abordará o eido social e a problemática, "a nivel persoal e político", que supuxo o auxe do consumo de drogas nos anos 80, da man de Carme Avendaño, así como as mudanzas no panorama da saúde mental afondando na historia do psiquiatra Antón Seoane, cuxas ideas pioneiras no tratamento das doenzas mentais provocou a súa "insólita" expulsión do Hospital de Conxo (Santiago de Compostela).

As loitas que se reflicten nestas entrevistas teñen aínda certa vixencia na actualidade, como é o caso da oposición veciñal á construción da autoestrada AP-9, "caricaturizada" naquel momento malia os seus logros ante a pretensión de "atravesar leiras que quedarían partidas en dúas e suporían ter que percorrer varios quilómetros para ir dun lado ao outro".

As e os 31 protagonistas

  • Antón Seoane
  • Ánxeles Cuña Bóveda
  • Bieito Ledo
  • Carlos Barros
  • Carme Avendaño
  • Daniel Pino
  • Elvira Souto
  • Emilio López Pérez
  • Francisco Rodríguez
  • Gustavo Luca
  • Joám Lopes Facal
  • Lois Diéguez
  • Manuel Monge
  • María do Carme García Negro
  • María Xosé Queizán
  • Mario López Rico
  • Nanina Santos Castroviejo
  • Nemésio Barxa
  • Pablo González Mariñas
  • Pepa Baamonde
  • Pepe Barro
  • Pilar Allegue
  • Ramón Varela
  • Tereixa Novo
  • Xaquín Campo
  • Xesús Díaz
  • Xesús Veiga
  • Xosé Fortes
  • Xosé Miranda
  • Xosé Vázquez Fouz
  • Xulio Ríos

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios