Retirada de escudos franquistas da fachada de cuarteis da Garda Civil na Galiza

Trece anos despois de abrobada a Lei de memoria histórica, o Goberno español retira 13 destes símbolos de cuarteis do instituto armado en todo o Estado. Deles, 1 en Ferrol e outro en Portomarín

escudo franquista facultade químicas usc
photo_camera Imaxe de arquivo

O Goberno español retirou un total de 13 escudos franquistas de fachadas de cuarteis da Garda Civil en distintos puntos da xeografía do Estado, durante os anos 2019 e 2020, segundo unha resposta do Executivo ao senador de  Compromís, Carles  Mulet, quen acusou o Goberno estatal de "ocultar información durante meses, marear e non contestar" e afirmou que o feito de que non se retirar esta simboloxía antes "demostra que a lexislación é insuficiente".

Entre os cuarteis da Garda Civil de onde se retiraron símbolos franquistas están na Galiza os de Ferrol e Portomarín.

O senador insistiu en que é "completamente inxustificábel" que en 2020 pervivan estes símbolos e sinalou que, "despois de tantos anos de democracia e 13 anos despois de aprobar unha lei que prohibe estes símbolos", que o Goberno español non os retirara "demostra que a lexislación é insuficiente e que aos sucesivos gobernos e ministros competentes non lles preocupou o máis mínimo borrar estes vergoñosos rastros de franquismo". "É máis conivencia que desidia, xa que esta non pode existir cun réxime criminal", apostilou.

O senador presentou durante até en seis veces interpelacións escritas ao Goberno estatal para esixir esta retirada e, agora, celebrou que, "por fin, parece que foron atendidas".

En concreto, o Goberno afirma que durante os anos 2019 e 2020, retiráronse estes elementos franquistas de, ademais dos mencionados cuarteis galegos. Vejer de la Frontera (Cádiz),  Cortegana (Huelva),  Marchena (Sevilla),  Noreña (Oviedo),  Benimaclet (València),  Grau  Cantarranas ( València),  Patraix ( València), Albacete, San Salvador de  Cantamuda (Palencia), Segovia e na Dirección Xeral da Garda Civil.

Doutra banda, noutra resposta, o Executivo detalla o traballo da Comisión Técnica de expertos da Lei de Memoria Histórica, encargada de valorar as excepcións en relación coa obriga de retirada de símbolos franquistas en edificios propiedade da Administración do Estado e os seus organismos públicos dependentes.

Desde a súa creación, esta Comisión reuniuse en 14 ocasións coa referencia dunha base de datos de 705 vestixios franquistas existentes en dependencias da Administración, a partir da información facilitada polos ministerios.

Comentarios