Baltasar Garzón e os avogados Manuel Ollé Sesé y Eduardo Ranz Alonso decidiron ir ao Supremo após o Goberno do Estado rexeitar a súa petición de derrogación das normas que durante a ditadura ampararon a edificación do Val dos Caídos.
Garzón e os letrados formularon esa demanda ao Goberno acolléndose ao dereito de petición, regulado no artigo 29.1 da Constitución española e na Lei Orgánica 4/2001 de 12 de novembro.
Perante a negativa da Moncloa, Garzón, Ollé e Ranz apresentaron un recurso perante o Supremo para que o Alto Tribunal obrigase o Goberno do Estado a reconsiderar o rexeitamento da petición.
O miolo da petición de Garzón visaba a anulación e derrogación das normas xurídicas en virtude das cais se edificaron a Basília -onde están soterrados os restos de Franco e Primo de Rivera- e a Fundación da Santa Cruz do Val dos Caídos.
O Val dos Caídos inaugurouse en 1957 e os textos legais que ampararon a súa construción contraveñen quer a Constitución española de 1978 quer a Lei de Memoria Histórica de 2007, argumentaba no seu recurso Garzón.
O ex xuíz demandaba asemade a exhumación dos restos de Franco e Primo de Rivera e o seu traslado a un lugar convenido coas súas respectivas familias.
E procuraba nomeadamente virar o Val dos Caídos -un complexo arquitectónico de inspiración fascista que aínda hoxe se utiliza para exaltar a memoria do ditador- nun monumento de reparación á memoria das vítimas.
Garzón e os dous avogados ignoran aínda os termos concretos da fundamentación xurídica que leva o Supremo a no fondo respaldar a posición do Goberno neste asunto. En todo caso, xa avanzan que "haberá recursos de amparo e no seu caso demanda perante o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos. España non pode continuar a ignorar as máis de 114.000 vítimas do franquismo e continuar a financiar un monumento que exemplifica a revictimación constante daquelas"