'Restaurar a memoria democrática galega', especial de 'Nós Diario' no 17-A, Día da Galiza Mártir

Oito páxinas con artigos e achegas de diferentes expertos na memoria dos represaliados e represaliadas polo franquismo.  
seoane
photo_camera Fragmento da xilografía de Seoane '1936. Para unha historia de silencios'.

A vindeira terza feira, 17 de agosto, distribúese conxunta e gratuitamente con Nós Diario un suplemento especial de oito páxinas, co que se pretende lembrar e homenaxear as vítimas da represión franquista, botar luz sobre o proceso represivo durante os 40 anos da ditadura e analizar as políticas de memoria precisas para facer efectiva a reparación.

A saída desta publicación monográfica coincide cunha nova edición do Día da Galiza Mártir, xornada instituída en 1942 por Daniel Castelao no exilio arxentino en lembranza do asasinato de Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936 no piñeiral da Caeira, Poio. Precisamente, esta localidade e Pontevedra acollen os actos centrais desta xornada de homenaxe aos represaliados da ditadura.

A publicación preparada por Nós Diario para o 17 de agosto acolle diversas achegas unidas polo fío común da memoria democrática galega. Así, Luís Bará, director xeral de Cultura do Goberno bipartito e responsábel do departamento que impulsa en 2006 o Ano da Memoria, reflexiona sobre as políticas públicas aplicadas neste ámbito nos últimos 15 anos, repara nas iniciativas anovadoras levadas adiante entre 2006 e 2009 e analiza as medidas adoptadas polo Executivo de Feixoo. 

Pola súa banda, a divulgadora, Cilia Torna introdúcese na lóxica do traballo escravo na Galiza do franquismo e recupera a experiencia dos presos políticos obrigados a traballos forzados  nas grandes obras de infraestruturas dos 40 ou 50 ou nas explotacións mineiras, algunhas delas propiedade da Alemaña nazi. 

A represión ten xénero

A escritora, Montse Fajardo investiga a represión de xénero durante a ditadura. O seu percorrido arranca por aquelas mulleres asasinadas nos momentos posteriores ao golpe de Estado de 1936, como Carmen Pesqueira, Rosario Hernández ou María Vázquez, continúa con aquelas que perden a vida facendo parte da guerrilla, entre elas Celia González ou Josefa Escourido e remata, con aqueloutras, perseguidas nos anos finais do franquismo, como Margarita Ledo, Elvira Souto ou Marisa Vázquez. 

Ao tempo, a xornalista Carme Vidal, editora das memorias de Syra Alonso e Mercedes Núñez, recupera a figura destas dúas loitadoras antifascistas e significa o compromiso dos seus descendentes co legado de loita, resistencia e dignidade das nais.

O suplemento acolle recomendacións de filmes e ensaios chaves para trazar unha panorámica de conxunto sobre a represión franquista. O crítico de cinema, Andrés Castro propón 10 filmes, entre eles Aillados de Antonio Caeiro, A batalla descoñecida de Paulo Cons, Santa Liberdade de Margarita Ledo, O segredo da Frouxeira de Xosé Abad ou Reboiras. Acción e corazón de Alberte Mera.

Por outro lado, Cilia Torna propón a lectura de 11 volumes de non ficción para aclarar o acontecido desde xullo de 1936 até o fin da ditadura, como Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda de Xerardo Álvarez Gallego, O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte de Antón Alonso Ríos, A guerrilla antifranquista en Galicia de Hartmut Heine ou caderno O 36 na Galiza, traballo colectivo publicado por Edicións A Nosa Terra en 1986.

Comentarios