Un restaurante da Guarda fai apoloxía do franquismo

Un local hostaleiro de A Guarda vai camiño de se facer viral na rede por facer apoloxía do franquismo. A súa propietaria canta o “Cara el sol” namentres a clientela come ou cea nun local ateigado de simboloxía franquista.

[Imaxe: Tripadvisor]
photo_camera [Imaxe: Tripadvisor]

A mariscaría do concello da Guarda Casa Olga está a gañar sona na rede non pola calidade dos produtos que ofrece, senón pola apoloxía do fascismo que, segundo persoas usuarias, practica a súa propietaria, á que pode verse en fotografías do portal web Tripadvisor portando unha bandeira franquista e en vídeos cantar o “Cara al Sol”.

Esta terza feira circula un vídeo recente pola rede que recolle a interpretación do “Cara al sol” por parte da propietaria, acompañada dun grupo de persoas que a seguen. Non se trata dun feito illado, pois en Youtube existen pezas audiovisuais semellantes nas que a dona de Casa Olga alardea da simboloxía franquista que acubilla no seu local. Aliás, Tripadvisor, rede na que as persoas usuarias comentan as súas experiencias acerca de locais de hostalaría e viaxes, recolle numerosas referencias de persoas que aluden ao local como unha caste de museo franquista.

Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Comarca da Coruña, amósase sorprendido cando lle damos a coñecer a existencia do lugar, mais lembra casos análogos por parte do que fora alcalde de Sada Ramón Rodríguez Ares e do rexedor de Beade, Senén Pousa. “O desta señora é apoloxía dunha ideoloxía que vai en contra da convivencia e dos principios básicos que rexen as sociedades actuais e que reproduce conceptos que aparentemente estaban superados”, expón.

Souto: "Que imos agardar dun Estado no que a Fundación Francisco Franco é legal e no que a Falange se presenta ás eleccións?"

Para o activista da memoria, actitudes como a da propietaria do citado local “provocan que se repitan os erros básicos do pasado”, alén de que “son contrarios aos principios básicos que marca a ONU”. Souto, quen ironiza sobre se a propietaria do bar en cuestión “conmemora a vitoria da ultradereita” nas últimas eleccións da Alemaña, lamenta que a Lei da Memoria Histórica non recolla alusión ningunha ás manifestacións públicas ou privadas que fan apoloxía do franquismo. Mais, “que imos agardar dun Estado no que a Fundación Francisco Franco é legal e no que a Falange se presenta ás eleccións?”, pregúntase.

O presidente da Comisión pola Recuperación Histórica da Coruña advirte de que actitudes como as que poden contemplarse en Casa Olga “en Alemaña non existirían, pois están prohibidas”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios