A resistencia dos galegos ás guerras de África

O historiador Dionisio Pereira investiga a presenza galega nas incursións coloniais españolas
Foto 14. Ben Cho Shey 2
photo_camera Soldados no Rif. No centro, de pé, Ben-Cho-Shey. Foto: cedida.

As crónicas literarias da esquerda española sobre as guerras de África cualifican os soldados galegos ben de invísíbeis, ben de submisos. Pero a realidade resulta algo máis complexa. A extraela das sombras dedica os seus esforzos o historiador Dionisio Pereira (A Coruña, 1953), que esta quinta feira 20 de febreiro ofrecerá unha conferencia sobre a materia organizada polo grupo Histagra da Universidade de Compostela. Será na facultade de Historia ás 12 da mañá.

Pereira centrarase na chamada Guerra do Rif que, de 1912 a 1927, supuxo unha conflagración xeral entre o pobo rifeño -a partir de 1921 liderado por Abd el-Krim- e o exército español. Non é posíbel precisar cantos galegos foron recrutados. Tampouco o número de vítimas. "Mais a través de cifras non confirmadas si teño a sensación de que houbo máis vítimas galegas que a media española", di o historiador a Nós Diario. Do que si existe rexistro oficial é das resistencias da poboación galega ao militarismo. Alfonso González Asenjo xa documentou o rexeitamento dos galegos a se incorporar a filas no século XIX, nas primeiras contendas coloniais: a Primeira Guerra de África (1859-1860), a Guerra de Margallo (1893-1894) e a Guerra de Melilla (1908-1909).

Prófugos do exército

"Segundo estudos recentes, esta circunstancia mantívose no primeiro terzo do século XX", sinala Pereira, "e no trienio 1915-1917, a Galiza superaba con moito a media estatal de prófugos: o 39,44% dos inscritos nas listaxes dos concellos para o recrutamento militar en territorio galaico non se presentaba, fronte ao 19% da media estatal".

Mais a ollada de Dionisio Pereira diríxese ao cualitativo. Impugna as interpretacións da literatura española progresista -El Blocao, de José Díaz Fernández; Imán, de Ramón J. Sénder; a triloxía de La forja de un rebelde, de Arturo Barea- e polemiza co clásico de Sebastian Balfour Abrazo mortal: da Guerra Colonial á Guerra civil en España e Marrocos (1909-1939). Apóiase nas crónicas de tres xornalistas logo ilustres: Ben-Cho-Shey, Valentín Paz Andrade e o agrarista Manuel Mesejo.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios