'As guerrillas galegas ao descuberto'

Adrián Marzoa: “Os represores estiveron no punto de mira das accións guerrilleiras”

Adrián Marzoa Otero (Deixebre-Oroso, 1993) é graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor libro 'A Represión Franquista na Comarca de Ordes (1936-1939)', a quinta feira achégase en Nós Diario á guerrilla na comarca de Ordes.
Adrian
photo_camera Adrián Marzoa. Foto:Nós Diario

O período dunha actividade guerrilleira máis intensa na comarca de Ordes coincide co fundación do Exercito Guerrilleiro da Galiza, porén como foi a resistencia armada na zona nos previos a súa constitución?.

Inicialmente os grupos de fuxidos levaron a cabo sobre todo golpes económicos contra os partidarios do fascismo. Tamén numerosos sabotaxes en infraestruturas e vías de comunicación, ou accións propagandísticas. Co tempo foise organizando unha rede de enlaces, apoios e refuxios. A partir do ano 1942, os grupos de escapados dótanse dunha estrutura coa creación da Federación de Guerrillas de Galicia e León. A finais de 1944 xa se crean as Agrupacións guerrilleiras con mandos militares xerarquizados e zonas de actuación delimitadas.

O axustizamento de represores fixo parte do repertorio das accións desenvolvidas pola guerrilla no conxunto da Galiza, isto tamén aconteceu en Ordes?.

Efectivamente, os represores e colaboradores do fascismo estiveron no punto de mira das accións guerrilleiras. Algúns exemplos dos que temos constancia foron a execución o 6 de xaneiro de 1947 dos falanxistas Antonio Mosquera Aller e Manuel Sánchez Quindimil por un grupo de guerrilleiros liderados por "Foucellas". O 11 de febreiro de 1947 un grupo de guerrilleiros executou en Ordes a José Liñares Rama. Tratábase dun coñecido represor que incluso presumía do elevado número de persoas que asasinara a partires de xullo de 1936. De feito, era alcumado "O 36" ou "O 48", dependendo da fonte da que tomemos o dato. O 15 de febreiro de 1945 unha partida de guerrilleiros acaba coa vida de Manuel López Bello, cabo de Brigadilla de Garda Civil. O 28 de marzo de 1947 é executado Evaristo Vidal del Río, coñecido por estar relacionado cos falanxistas e protagonizar algún incidente contra os seguidores da Fronte Popular de Ordes. Tamén se axustizou ao alcalde de Mesía, José Candal Vieites, o 24 de Novembro de 1947. A todo isto temos que sumar os constantes golpes económicos desenvolvidos contra os afectos ao réxime por parte da guerrilla.

"Manuel Ponte converteuse nun líder carismático debido ao seu valor, a súa entrega constante e a súa formación política"

Precisamente un dos dirixentes máis destacados da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza foi un veciño desa zona como Manuel Ponte Pedreira, que nos pode dicir del?.

Manuel Ponte Pedreira, veciño de Abellá en Frades, desempeñou a profesión de xastre e militou en Unión Republicana. A súa resistencia contra o golpe de Estado levouno a pasar 5 anos no cárceres de Compostela e A Coruña. Unha vez en liberdade desenvolve as labores de enlace da resistencia antifranquista. Co tempo pasará a ser xefe do Destacamento Manuel del Río Botana e, tras a caída de “Marrofer”, xefe da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia. Baixo o seu liderado, a resistencia armada ao fascismo da IV Agrupación alcanzou as súas máximas cotas. Manuel Ponte converteuse nun líder carismático debido ao seu valor, a súa entrega constante e a súa formación política. Como represalia, a súa muller Maruja Rivas foi deportada a Valladolid. O 21 de abril de 1947 caeu en combate nun enfrontamento coa Garda Civil no Fontao de Abellá en Frades.

“Foucellas” foi un guerrilleiro moi popular o que levou a que o seu alcume designara ao conxunto dos guerrilleiros antifascistas, coñecidos como "Os Foucellas"

Resulta inescusábel para achegarse á guerrilla na comarca de Ordes a figura de Benigno Andrade García “Foucellas”, que destacaría del?.

Benigno Andrade García, veciño de Cabruí en Mesía, participou na defensa da legalidade republicana fronte ao golpe militar, rematando por agocharse no monte e en casas de colaboradores para evitar ser paseado. A partires de 1942 organízase na guerrilla, da que chegará a ser xefe da súa V Agrupación en 1947. Finalmente a Garda Civil logra capturalo para, despois de torturas e interrogacións, executalo a garrote vil no cárcere da Coruña o 7 de Agosto de 1952. Foi un guerrilleiro moi popular entre os veciños da comarca de Ordes pola súa valentía e carisma, o que levou a que o seu alcume de guerra se convertese no alcume popular do conxunto dos guerrilleiros antifascistas, coñecidos como "Os Foucellas".

Vimos de falar dous dos dirixentes máis significados da guerrilla na zona porén como explica que esa comarca dera un número tan importante de militantes á resistencia armada?.

É probábel que boa parte da explicación a atopemos nos precedentes ao desenvolvemento da guerrilla. En Ordes exerceuse unha resistencia ao golpe fascista moi organizada, o que provocou tamén un alto grao de represión, sendo 73 veciños procesados nas causas militares e 13  fusilados. Por outra banda, cando menos 10 veciños foron "paseados", é dicir, asasinados sen que mediara proceso xudicial algún. Todo isto provocou un elevado número de persoas fuxidas ante o medo a ser represaliadas e, posteriormente, a conformación dunha guerrilla altamente organizada. Se investigamos o pasado dalgúns guerrilleiros, atopámonos con que moitos deles pasaron polo cárcere ou formaron parte da Fronte Popular. De feito, nos casos de Manuel Ponte Pedreira, Benigno Andrade García "Foucellas", Manuel del Río Botana e Manuel Pena Camino sabemos que participaron activamente na defensa da cidade da Coruña ou da vila de Ordes contra os fascistas en 1936.

Comentarios