sábado 28.03.2020
EMILIO GRANDÍO, DIRECTOR PROXECTO 'XERACIÓN PERDIDA'

"A represión xerou un efecto paralizador e asfixiante que se prolongará durante moito tempo"

299 concelleiros e unha concelleira. Eses son os primeiros nomes do proxecto 'Xeración Perdida' que quere investigar a represión nos concellos da Coruña, promovido pola Deputación e dirixido polo investigador Emilio Grandío. 

Emilio Grandío e Goretti Sanmartín na presentación do proxecto Xeración Perdida
Emilio Grandío e Goretti Sanmartín na presentación do proxecto Xeración Perdida

- Vides de publicar unha base de datos inicial con 300 concelleiros represaliados do proxecto Xeración Perdida. Que podemos agardar do total do traballo?
- Esta é unha primeira fase. Basicamente a partir de agora pedimos a colaboración cidadá para podermos ampliar información sobre estes e outros represaliados, sexan imaxes ou datos. O gran problema disto son as fontes, que por cuestión de tempo van desaparecendo. Date conta de que estamos a falar de 94 concellos, que son os que había naquel momento. Rastrexar todo isto é bastante complexo. No traballo final teremos as listaxes de todos os concelleiros republicanos, que non se coñecían. Imos publicar unha base de datos con todos os membros das corporacións republicanas da provincia, cun anexo fotográfico, e un pequeno estudo que conteña as conclusións do traballo realizado, para que se fagan unha composición de lugar e se queren afondar, terán estes datos obxectivos que até ao momento non existían. Hai moitos concellos que a partir de agora descubrirán os seus concelleiros da República. 

Hai moitos concellos que a partir de agora descubrirán os seus concelleiros da República. 

- Por que dicides que é unha investigación pioneira?
- Apuntei que a Deputación da Coruña é unha institución pioneira no traballo sobre a represión. Hai dez anos eu estaba alí mesmo presentando un pioneiro traballo, 'Anos de odio', que serviu de base para logo desenvolver outros estudos xa de ámbito galego. Foi pioneira naquel momento e agora tamén ao apostar por unha vía de procura dos representantes daquela democracia republicana. 

- Xa existe unha base de datos sobre a represión, que é a do proxecto Nomes e Voces. Esta vosa investigación que maís achega?
- Claro, o enfoque desta é máis concreto, pero a achega de fontes é máis ampla, engadimos arquivos municipais, provinciais, multas, tribunais de responsabilidades políticas, do exilio, etc. Pretendemos que a partir desta achega se incremente con fontes orais e fotográficas, e en conxunto creo que vai valorizar extraordinariamente os traballos sobre a represión. Estamos falando de 2.500 persoas. Sobre estas vemos que até o momento atopamos 300 que sufriron algún tipo de represión.  É verdade que o obxecto de estudo é máis concreto, pero ten maior diversidade de fontes. O resultado do proxecto vai achegar dúas cuestións. Evidentemente o enfoque é a represión, pero un elemento absolutamente novo é a listaxe de corporacións republicanas. Non é posible facer un cruce de datos con outras fontes se non sabemos previamente quen eran eses concelleiros, cousa que se descoñecía. O que achegamos nesta primeira parte é a base cruzada unicamente cos represaliados. Destes 300 que nos saen, aínda que cremos que nos sairán moitos máis porque, entre outras cuestións, cada home pode ter unha muller ou unha familia que tamén sofre represión. O volume total da represión é maior que o número concreto. E non son só 300 familias, senón moitas máis. 

Temos que abandonar en parte o esquema ideolóxico. Eu creo que o grande inimigo da sublevación e do posterior réxime franquista é o diálogo, o debate, a democracia. 

- Cales foron as maiores dificultades que atopastes?
- O principal problema foi, de saída, saber quen eran os concelleiros. Había casos onde existían máis referencias, nas cidades máis poboadas ou onde había estudos, pero nos 94 concellos había moitas que estaban perdidas que se recuperaron agora. 

- Só hai unha muller de 300. Haberá máis?
- O que temos agora é iso, non sei que pasará, porque o alcance da represión é moito maior que eses 300. Vai moito alá da túa familia, a represión xerou un efecto paralizador e asfixiante que se prolongará durante moito tempo. Ese clima de represión, de ter sempre esa cuestión enriba, como un elemento consustancial, moi visible moitas veces, pero que está aí e durante tanto tempo iso vai modular moitos valores da nosa sociedade. 

- Houbo algún concelleiro represaliado que non fose da Fronte Popular ou de esquerdas?
- Si. Deses 300 un 80% pertencen a corporacións da Fronte Popular, é dicir, puido ter sido concelleiro no 31 e no 36, e sen embargo hai un 20% deles que non estiveron nas corporacións da FP, polo tanto si existen. Eu creo que temos que abandonar en parte o esquema ideolóxico, que nos vale en grande parte para unhas cousas pero para outras non. Eu creo que o grande inimigo da sublevación e do posterior réxime franquista é o diálogo, o debate, a democracia. E iso é transversal, están sectores de esquerda, de centro, a dereita, republicanos burgueses, sectores moderados... 

O enfoque deste proxecto é máis concreto, pero a achega de fontes é máis ampla, engadimos arquivos municipais, provinciais, multas, tribunais de responsabilidades políticas, do exilio, etc.

- Algún caso chamativo? O avó de Rajoy, por exemplo?
- Os historiadores tentamos aproximarnos a aquel tempo e non pensarmos desde o plano actual. O que importaba era tapar as posibilidades de desenvolvemento democrático do país, con todas as súas eivas e defectos, pero era unha democracia dos anos 30, non comparable á de hoxe en día, que ten un contexto e unha realidade distinta. 

- Hai algún patrón na aplicación da represión? Por exemplo, asasinaron a todas as figuras visibles da república, non? Por exemplo, os alcaldes das cidades.
- Si que houbo máis represión nos que estaban máis arriba no simbolismo republicano, pero non só. Por iso digo, a cuestión deste traballo é sobre os membros dos concellos democraticamente elixidos nos que a sublevación os pasa por riba. E a democracia é o seu inimigo, polo tanto ese simbolismo democrático era castigado. Alcaldes mortos só hai 18 no total da provincia, 14 deles da Fronte Popular. Xeralmente case todos os alcaldes foron represaliados, dun xeito ou doutro, foron sancionados, obrigados a exiliarse, paseados ou fusilados logo dun proceso xudicial. Suárez Ferrín foi cun tribunal militar, Ánxel Casal foi paseado...

- Cando estará rematado todo o traballo?
- Temos pensado rematar a final de ano. 

comentarios