luns 24.02.2020
50 anos

A represión contra o nacionalismo durante o estado de excepción de 1969

O estado de excepción de 1969, o oitavo que decretaba a ditadura e o primeiro que afectaba a todo o Estado, levouse por diante perto de cincuenta antifranquistas galegos. Uns padeceron cárcere, outros foron torturados en cuarteis e comisarías e tamén houbo quen foi desterrado a centos de quilómetros da súa residencia. Recuperamos cincuenta anos despois a memoria dos militantes nacionalistas represaliados. Eis un extracto da peza publicada no número 330 de Sermos Galiza.

De esquerda a dereita de arriba a abaixo: Xosé Soto “Pepiño da Gaita”, Mari, Carmela Arbones, Xabier Pousa, Bautista Álvarez, Anita, Manolo Conde, Natalia Escrigt “Cuqui”, Camilo Vázquez, Carme Graña, Ben-Cho-Shey, María Rábago, Sabela Pita, Carlos Vázquez, Lois Diéguez, Raimundo Patiño, Vicente Vázquez Diéguez, Pilar Allegue e Fernando Campos. Casa de Campo de Madrid, primavera de 1968.
De esquerda a dereita de arriba a abaixo: Xosé Soto “Pepiño da Gaita”, Mari, Carmela Arbones, Xabier Pousa, Bautista Álvarez, Anita, Manolo Conde, Natalia Escrigt “Cuqui”, Camilo Vázquez, Carme Graña, Ben-Cho-Shey, María Rábago, Sabela Pita, Carlos Vázquez, Lois Diéguez, Raimundo Patiño, Vicente Vázquez Diéguez, Pilar Allegue e Fernando Campos. Casa de Campo de Madrid, primavera de 1968.

3O 24 de xaneiro de 1969 Manuel Fraga, ministro de Información, portavoz daquel gabinete de Franco e presidente fundador do Partido Popular, anuncia a decisión do goberno dun estado de excepción para o conxunto do Estado. Aproveitando como coartada as protestas estudantís que seguiron o asasinato en Madrid de Enrique Ruano, un militante da Fronte de Liberación Popular de tan só 21 anos guindado pola policía desde un sétimo piso após dispararlle, o franquismo acordou aplicar un castigo exemplar á oposición democrática na perspectiva de achaiar a “Operación Príncipe”, isto é, a elección de Juan Carlos de Borbón como sucesor de Franco polas cortes da ditadura o 23 de xullo daquel ano.

As explicacións anunciadas por Manuel Fraga para xustificar aquela decisión, “Non imos tolerar a estratexia do inimigo que utiliza a xenerosidade inxenua da xuventude para levalos a unha orxía de nihilismo. É mellor previr que curar”, non deixan dúbidas de que a verdadeira intención era pecharlle o camiño ao que parecía inevitábel e afirmar que o réxime que seguiría a Franco continuaría co seu legado e proxecto.

O estado de excepción de 1969 que se alongaría até o 25 de marzo puxo a proba a fortaleza da organización clandestina do nacionalismo e máis concretamente dunha UPG que sufriría os seus embates represivos. A Unión do Povo Galego, nunha folla voandeira editada pola súa sección francesa e distribuída na Galiza, afirmaba a finais de abril que “a partir do estado de excepción son máis numerosas que nunca as detencións dos nacionalistas galegos, a maioría dos cales seguen aínda sufrindo os métodos hitlerians da policía franquista”. Porén a represión tivo un carácter selectivo, afectando de xeito particular a aqueles cadros máis significados e librando da persecución o groso da militancia e mesmo estruturas territoriais enteiras. Aínda así, agás en Monforte, Lugo e Ourense, onde o número de adherentes era aínda máis minguado que no resto das zonas, as outras comarcas onde a UPG tiña presenza sufrirán a detención e encarceramento de afiliados nacionalistas, até sumar nove persoas entre Madrid e Galiza.

[Podes ler a peza íntegra no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios