Unha achega ás vítimas e aos vitimarios

A represión na Mariña

Logo da declaración do estado de guerra e do conseguinte levantamento militar contra a República, os golpistas e mais os seus partidarios comezaron unha implacable persecución e depuración de todas aquelas persoas consideradas desafectas ao movemento sedicioso. Coa constitución da denominada Junta de Defensa Nacional e as Delegacións de Orde Pública, os novos órganos de xustiza pasaron a depender das autoridades militares, que baixo a xurisdición de guerra comezarían a deter e xulgar a todos os opositores ao tempo que suspendían a legalidade institucional republicana. 
Militantes falanxistas en Riotorto. (Foto: Arquivo da Asociación Arrincadeira)
photo_camera Militantes falanxistas en Riotorto. (Foto: Arquivo da Asociación Arrincadeira)

Os consellos de guerra sumarísimos

No caso particular de Viveiro e as poboacións que compoñían o seu partido xudicial (Muras, Ourol, Vicedo, Xove, Cervo), onde o Comité de Defensa da Fronte Popular e os sindicatos enviaran unha columna motorizada de obreiros para a defensa da Coruña e opuxeran destacada resistencia armada contra os sediciosos para evitar a toma da poboación, as medidas represivas acadarían un nivel extremo. A represión foi a principal estratexia empregada para descabezar tanto as organizacións políticas da Fronte Popular como os sectores máis concienciados da sociedade. En adiante, os novos gobernantes exercerían unha represión metódica, sistemática e premeditada coa finalidade de anular calquera intento de resistencia na Mariña, especialmente en Viveiro, Ribadeo e A Pontenova, vilas que contaban con importantes continxentes obreiros.

Os sublevados aplicaron o delito de rebelión a través do Código de Xustiza Militar que serviu para condenar e executar a miles de persoas. Coa promulgación do decreto, o 13 de setembro de 1936, por parte da Xunta de Defensa establecida en Burgos, ilegalizáronse todos os partidos e sindicatos da Fronte Popular e puxéronse as bases para os consellos sumarísimos e o establecemento do estado de guerra.

O control da xustiza ordinaria por parte dos militares motivou que unha vez aberto un atestado contra calquera persoa ou grupo de individuos pola Garda Civil ou, mesmo os falanxistas, serían os xuíces dos partidos xudiciais os encargados de iniciar os procesos até chegar a súa inhibición final a favor da xustiza militar. Mentres, producíanse os traslados dos presos dende os depósitos municipais mariñás ao cárcere provincial, ao tempo que os xuíces militares continuaban cos procedementos xudiciais de urxencia, os denominados Consellos de Guerra de carácter sumarísimo.

As condenas tipificábanse fundamentalmente como Rebelión militar, auxilio á rebelión ou adhesión a ela. Realmente, estes procesos eran unha especie de “xuízo farsa” debido á falla absoluta de garantías e posibilidades reais de defensa ante os informes, xeralmente demoledores, que sobre os detidos enviaban a Garda Civil, a Falanxe, os alcaldes, algúns párrocos ou mesmo os delatores.

Entre as moitas vítimas desta “represión legalizada” debemos salientar os alcaldes Balbino Cerdeiras (Viveiro), Jesús Castaño Galdo (Mañón-O Barqueiro), Benito Colín Veiga (Cervo) e José Mª Gallo Gallo (A Pontenova), fusilados en Lugo.

Outros como José Ramón Villamarín, alcalde de Mondoñedo, Eloy Castro Dorrego, de Alfoz, e Antonio Bermúdez Leivas de Riotorto, sufriron longas condenas de cárcere. O alcalde de Ribadeo Rafael F. Cardoso, logo de fuxir a Asturias, logrou exiliarse en Arxentina, mentres que o alcalde de Vicedo Luciano Pérez Riveira, presentouse en 1939 e ficou libre logo dunha curta estadía en prisión.

Igualmente, foron fusilados os tenentes de alcalde do Concello de Viveiro: Victoriano Xabier Soto Valenzuela, Ángel Fraga Orosa e César Parapar Sueiras. Outros fusilados do partido xudicial viveirés foron José Correa Miranda, secretario do Xulgado de Cervo e Antonio Lafuente Jiménez, mestre e presidente da Agrupación socialista de Muras.

Gostarías de seguir coa lectura? Poderás atopar o capítulo do coleccionábel Os nomes do terror completo no Nós Diario que agarda hoxe nos quiosques, librarías ou na nosa tenda online. Unha solución definitiva para evitar esas saídas é facer a subscrición xa!

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios