Unha achega ás vítimas e aos verdugos

A represión no concello de Marín

A tarde do 20 de xullo de 1936, militares do Polígono de Tiro Naval ao mando de Pedro Nieto Antúnez, apoiados polo Director Francisco Bastarreche e acompañados por falanxistas con brazaletes coas cores da bandeira da república española, tomaban o Concello de Marín. Culminaba un complot organizado varias semanas antes por oficiais da armada, conserveiros, armadores e a pequena burguesía local, ao que lle seguiría unha represión na que xogaron un papel importante institucións ligadas á catolicismo. 

Por primeira vez publícase unha foto do nazi Bruno Schweiger, un dos principais responsábeis da represión na comarca. 

Militantes fascistas de Marín, de esquerda a dereita, de abaixo a arriba: (…), (…), Carlos Navarro Dagnino, (…), José Alcantara Fernández, Rafael Díaz Zuazo, (…), (…), Sebastián González Pérez, Bruno Schweiger Damboeck, José Touza Omil e José Argibay Solla. (Foto: Arquivo Celso Milleiro)
photo_camera Militantes fascistas de Marín, de esquerda a dereita, de abaixo a arriba: (…), (…), Carlos Navarro Dagnino, (…), José Alcantara Fernández, Rafael Díaz Zuazo, (…), (…), Sebastián González Pérez, Bruno Schweiger Damboeck, José Touza Omil e José Argibay Solla. (Foto: Arquivo Celso Milleiro)

A formación das milicias

Á mañá, o Comité de Defensa da República de Marín declarou a folga revolucionaria, que duraría até o día 29. Durante ese tempo producíronse un feixe de detencións por parte das autoridades sublevadas, o que provocou a fuxida dun bo número de persoas ligadas á Fronte Popular e outras organizacións anarquistas e republicanas.

Ese día os falanxistas detiveron ao mariñeiro Daniel Pereira Figueroa, asasinándoo no calabouzo do Concello tras unha forte malleira.

O seu corpo nunca apareceu, a súa morte foi rexistrada en 1939 cun: “desaparecido do seu domicilio con motivo do Glorioso Movemento Nacional”.

Os sublevados organizáronse para controlar e tomar a xustiza da súa man constituíndo a Milicia Cívica. Inicialmente formada por mariños de guerra e elementos civís de Acción Popular (AP), Xuventude de Acción Popular (XAP) e da Falanxe Española (FE). Ao mando quedou o Alférez de Navío Francisco Núñez de Olañeta, nomeados Sarxentos: Juan Leste Cisneros (orfo dun oficial da Armada) e Alfonso Temes Diéguez (FE) e como Cabos: José Teijeira Fernández (Presidente de AP), Ignacio Touza Omil (Maquinista da Armada retirado) e Jesús Novás Palacios (militante da CEDA).

Por primeira vez publícase unha foto do nazi Bruno Schweiger, un dos principais responsábeis da represión na comarca. 

En xullo de 1936 a Falanxe estaba constituída por unha pequena agrupación de apenas unha ducia de afiliados liderada por Francisco Alfonso López e semanas despois polo industrial militarizado Sebastián González Pérez.

Ademais, sobresae unha figura nefasta, o enxeñeiro nazi Bruno Schweiger, natural de Múnic (Alemaña). Bruno chegou a Marín en 1935 para construír, xunto co seu irmán, un pequeno peirao de formigón en Cantodarea.

Non sabemos cantas mortes pasaron exactamente polas súas mans, atribuíndoselle en Marín, cando menos, as de José García Bustos, Raimundo Rodríguez Neira e Carmen Pesqueira Domínguez. A súa pegada deixouse ver tamén noutros puntos do Morrazo, sobre todo en Moaña.

Se queres seguir lendo este capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' vai á túa libraría ou quiosque de confianza a buscar o Nós Diario de hoxe. Tamén o podes conseguir a través da nosa loxa online. Se aínda non es subscritora ou subscritor, que estás a agardar?

Comentarios