As relixiosas investigadas pola desaparición forzosa de crianzas

A trama de roubos de bebés continuou até os anos 80
A relixiosa Pilar Hoyos, acudindo a declarar ao xulgado de Vigo en 2014, en relación co caso Noemi Lima. (Foto: Europa Press)
photo_camera A relixiosa Pilar Hoyos, acudindo a declarar ao xulgado de Vigo en 2014, en relación co caso Noemi Lima. (Foto: Europa Press)

O roubo continuado de crianzas durante décadas apuntou a existencia dunha trama que contou coa colaboración dos poderes do Estado. As investigacións realizadas por organismos internacionais e diversos xulgados remataron por destacar o papel de entidades relixiosas. Galiza non foi unha excepción no operativo.

Amnistía Internacional, nun recente informe titulado Tempo de verdade e de xustiza. Vulneracións dos dereitos humanos nos casos dos bebés roubados, afirma que “a participación de membros de institucións relixiosas tamén foi sinalada noutras fases dos procesos de subtracción de menores e ocultación da súa identidade, e en moitos casos foron sinalados como actores chave para facilitar a entrega de bebés a outras familias, mesmo de fóra do Estado español”. As consideracións da entidade baséanse nas conclusións de diversas investigacións, nos testemuños de persoas coñecedoras dos feitos e nas mesmas resolucións xudiciais.

As Servas da Paixón de Vigo

A presidenta da asociación SOS Bebés Roubados da Galiza, Estrella Vázquez, comenta a Nós Diario que “no roubo de nenos estaban implicados desde monxas até médicos”. Vázquez pon de manifesto que “na Galiza hai arredor de 250 persoas buscando a súa familia. Uns desapareceron en hospitais como o Labaca, o Modelo ou o Belén, na Coruña, mais tamén en casas berce, como a de Vigo”. A Casa Berce de Vigo, no barrio de Teis, está xestionado polas Servas da Paixón, unha congregación relixiosa que marca como obxectivos fundamentais “procurar de forma audaz e creativa a defensa da vida natural do neno e a súa incorporación á Igrexa a través do Bautismo” e “atender de modo integral as futuras nais e as que xa o son, sometidas a situacións persoais ou sociais especialmente difíciles”.

As directoras da Casa Berce de Vigo Josefa García Veiga e Pilar Hoyos foron investigadas en distintos procedementos xudiciais pola desaparición de crianzas. A primeira, natural de Vilardevós, misioneira no Camerún durante dúas décadas e superiora xeral das Servas da Paixón en 2004, foi sinalada nunha denuncia perante a Fiscalía en 2011 por José Eduardo Castro Carro. A adopción de Castro Carro, nado en abril de 1978 no Hospital da Cruz Vermella de Vigo, autorizouno García Veiga, aparecendo implicada noutro suceso análogo catro anos antes en Barcelona. 

Castro Carro apuntou a un móbil económico no seu procedemento. Así, nunhas declaracións concedidas ao xornal El País en abril de 2011, afirmou que García Veiga “todos os anos viña pasar uns días á casa e levaba un sobre con diñeiro. A miña nai dicíame que eran doazóns para a congregación”, porén, el tiña serias dúbidas. Estrella Vázquez amósase convencida do negocio existente co roubo de bebés e refire como o seu sogro se lembra de que un matrimonio se lle achegou e lle ofreceu diñeiro “a cambio de que lle vendese a criatura”. 

Pagos de 200.000 pesetas até 2 millóns

Estrella Vázquez sinala que os prezos pagados polas crianzas variaban. “Nalgúns casos nada, os que menos, pero noutros desde 200.000 até 2 millóns de pesetas. Algunhas veces a adopción pagouse durante anos. Unha monxa pasaba polas casas cobrando a cota do mes, e que non digan que é unha doazón”, afirma Vázquez, quen lembra como “algunha familia tennos comentado que lle saíu máis caro pagar o fillo que pagar o piso, pois o piso pagárono durante un tempo pero polo fillo estiveron pagando ao longo de toda a súa vida baixo a forma de axudas para a congregación”.

Pilar Hoyos tamén negou cobrar por entregar a unha familia a Noemí Lima, aínda que recoñeceu ter recibido en concepto de gastos de mantemento e atención da nai biolóxica desta 47.000 pesetas. Malia que o xulgado rematou por sobreser a causa contra a responsábel da Casa Berce de Vigo, Lima deu coa súa nai biolóxica, quen testemuñou no xuízo que fora enganada polas relixiosas das Servas da Paixón, quen lle dixeran que a nena nacera morta após un parto moi delicado. 

As relixiosas tamén estiveron tras a desaparición forzada de crianzas na Coruña. Así o denunciaron no seu momento Nieves Estévez e María José Rosano, quen foi trasladada desde Galiza a Nafarroa en tren por unha monxa. Nestes dous casos e noutros referidos a esa cidade foron sinaladas as relixiosas das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl, xestoras da Casa Berce, quen tamén desenvolveron o seu labor nalgúns centros hospitalarios.
 

Comentarios