sábado 15/08/20

O reinado de García un milenio despois da súa morte

22 de marzo de 1090 morría o rei García da Galiza no castelo de Luna, unha fortaleza situada nas terras da montaña leonesa de Babia, onde permaneceu encarcerado por orde do seu irmán. Seguindo as súas disposicións testamentarias, enterrárono cos pés amarrados aos mesmos grillóns de ferro que o acompañaron nos seus 18 anos de cativerio. A lápida da súa tumba, no panteón rexio da catedral de León, non deixaba dúbida: "Aquí xace o rei García de Portugal e Galiza, fillo do gran rei Fernando que foi capturado polo seu irmán con engano. Morreu preso o 22 de marzo de 1090".
Reliquia do apóstolo Santiago entregada por García e conservada na cidade belga de Liexa /Liège).
Reliquia do apóstolo Santiago entregada por García e conservada na cidade belga de Liexa /Liège).

Foi unha historia que chegou a nós mal contada para convencernos da incapacidade da Galiza para ser. Fillo da raíña Sancha e do seu consorte Fernando, descendente por parte materna das máis importantes familias galegas que ocuparon os máis destacados postos de poder no espazo cristián peninsular, naceu arredor de 1042, sendo educado na Galiza nuclear, como a práctica totalidade das herdeiras e herdeiros reais dos séculos iniciais da Idade Media.

Apareceu á vida pública moi novo, seguindo o camiño marcado pola nai e o seu preceptor, o arcebispo compostelán Cresconio, con quen residiu desde 1053. Antes de ser proclamado monarca na catedral de Santiago de Compostela, atopámolo trazando alianzas coa nobreza laica e eclesiástica do reino, recibindo peregrinas e peregrinos de Liexa, a quen agasallou con reliquias do apóstolo, ou fechando acordos coas potencias europeas. Sinalouse polos lazos estabelecidos co rei normando Guillerme, cabeza da máis importante potencia rexional europea do momento.

Un reinado inestábel 

O reinado de García foi moi breve e estivo suxeito a unha grande inestabilidade interna e externa. Segundo confirma a práctica totalidade das investigacións, mantívose no trono exclusivamente entre 1065, ano da morte do seu proxenitor, e 1071, momento da súa derrota a mans do seu irmán Sancho. Ao tempo, debeu facer fronte a diversas revoltas de sectores da nobreza, significándose, entre elas, a liderada polo conde de Portucale, Nuno Mendes, descendente da familia de Vímara Péres, derrotado finalmente polo rei galego na batalla de Pedroso, entre Braga e o río Cádavo, en 18 de xaneiro de 1071.

Acción de Goberno

A acción de Goberno de García respondeu a un programa político moi coherente. A súa actuación buscaba a implicación dos prelados na xestión do reino, exemplificada no pacto de mutua fidelidade con Vistruario de Lugo; tentaba puntos de encontro coa nobreza laica, acreditado polo seu papel como mediador nos litixios entre estes, e apostaba polo impulso da vertebración administrativa da monarquía, coa fundación de novas dioceses, onde acadou particular significación a restauración da sé de Braga.

O historiador Xosé Antonio López Teixeira sinalou como "algo transcendental a restauración da sé de Braga, porque como vella metrópole da provincia romana e da monarquía sueva, revelaba unha indubidábel vontade de afirmación dun reino de seu, que, ampliado coa recuperación recente de Coimbra, tiña o centro de gravidade no espazo situado entre os ríos Douro e Miño". Noutra liña, merece unha consideración especial a vontade imperial presente no seu programa político, até o punto de ser o primeiro monarca cristián peninsular en empregar esa denominación, que recuperou, posteriormente, o seu irmán Afonso VI e o seu sobriño-neto Afonso VII.

Un programa político coherente

O reino galego na época de García chegaba ao mar Cantábrico polo norte e ao río Mondego polo sur, sendo considerado o máis grande dos Estados cristiáns ibéricos. O maior peso territorial da Galiza era recoñecido, mesmamente, no cantar de xesta do seu irmán Sancho, onde se afirmaba que García fora mellorado no reparto, após a conquista de Coimbra e a fixación da fronteira ao sur do Mondego. Ao tempo dependían da Galiza as taifas de Sevilla e Badaxoz, escenario dalgunha das accións militares máis importantes de Afonso VI contra García. Sexa como for, o centro de gravidade do poder situábase na Galiza nuclear, concretamente arredor de Braga e Compostela, sinalando, algúns estudos, a vinculación da corte de García con Ribadavia e A Porqueira.

García foi apartado da coroa após a derrota militar a mans  do seu irmán, nun conflito que unha parte da historiografía galega cualificou de civil. Á volta da primavera de 1071, foi detido en Santarém polas tropas de Sancho, sendo posteriormente trasladado a Burgos, até a súa marcha ao exilio sevillano. A escolla deste emprazamento emparella coa histórica relación de Sevilla co Reino da Galiza, do que a taifa era tributaria e que se vai manter até o século XIV. A fins de 1072 ou comezos de 1073 volveu ser apresado, neste caso polo seu irmán Afonso VI, permanecendo confinando até a súa morte no castelo de Luna.

A figura e o tempo político de García requiren dunha revisión. Malia a caricatura construída pola liña historiográfica maioritaria, empeñada en presentalo como un dirixente sen capacidade, carente de liderado e sen a preparación debida, as fontes contemporáneas encárganse de desmentir o relato. A este respecto, novas posicións, como a defendida por López Teixeira, sitúan en García a orixe do proxecto formulado por Afonso VII e continuado polos seus herdeiros. Así as cousas, a súa monarquía non representa ningunha excepción na historia do país. Antes que el 25 reis ocuparon o trono galego e outros oito sucedérono á fronte da coroa en diferentes etapas até finais do século XIV.

comentarios