Reino da Galiza

García, o rei que abraiou Victor Hugo, chega á banda deseñada e o audiovisual

Demo Editorial estrea esta cuarta feira o primeiro capítulo do documental 'García de Galiza. O fillo da traizón', tras levar á banda deseñada 'O reiciño da Galiza', da autoría do francés Victor Hugo.
Unha das ilustracións da adaptación de 'O reiciño da Galiza' á banda deseñada. (Foto: Demo Editorial)
photo_camera Unha das ilustracións da adaptación de 'O reiciño da Galiza' á banda deseñada. (Foto: Demo Editorial)

O 22 de marzo de 1090, hai hoxe exactamente 933 anos, morría o rei García da Galiza no castelo de Luna, unha fortaleza situada nas terras da montaña leonesa de Babia, onde permaneceu encarcerado por orde do seu irmán, Afonso VI, tras derrotalo militarmente xunto ao outro irmán, Sancho. O reino galego na época de García chegaba ao mar Cantábrico polo norte e ao río Mondego polo sur, sendo considerado o máis grande dos Estados cristiáns ibéricos.

Na epopea O reiciño da Galiza —dentro da obra A lenda dos séculos—, o prolífico escritor francés Victor Hugo relata unha historia inspirada neste monarca: nunha Galiza en tensión por manterse como reino independente, sete infantes raptan a Nuno, o primoxénito do rei García. Un enigmático cabaleiro francés, de nome Roldán, inicia unha aventura de rescate sen freo que deixará como rastro un río de sangue.

Esta obra foi trasladada á banda deseñada o pasado ano da man de Demo Editorial, perante unha adaptación de Inacio Vilariño e Iván Suárez que trae aos nosos días un relato épico e poético que recuperou no seu momento a tradición medievalista dos autores románticos enxalzando a loita clásica entre o ben e o mal. Xa está á venda, desde o pasado día 17, en librarías e no portal web desta editorial.

Mais esta é só unha porción do proxecto transmedia que está a desenvolver Demo Editorial no marco do Fondo de Proxectos culturais do Reino de Galicia que convocou o pasado ano a Deputación da Coruña. Conta tamén cunha unidade didáctica e esta terza feira, coincidindo co cabodano de García, dará o seguinte paso: o audiovisual.

Contra as 23 horas de hoxe estrearase na canle de YouTube desta editorial o primeiro capítulo da curtametraxe documental titulada García de Galiza. O fillo da traizón, que analiza as razóns que levaron Victor Hugo a fixarse neste rei galego. A segunda entrega chegará en abril e centrarase na realidade histórica agochada tras as páxinas deste relato.

Segunda edición do Fondo de proxectos culturais

Esta mesma semana a Deputación publicou as bases desta segunda edición do Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia, que, ao igual que na anterior edición, premiará proxectos en todo tipo de soportes e formatos: libros, discos, publicacións divulgativas, audiovisuais, espectáculos ao vivo, exposicións, congresos e xornadas, materiais de merchandising, contidos dixitais, murais e intervencións urbanas, contidos lúdicos, etc.

Esta segunda edición conta cunha dotación de 200.000 euros e contempla 20 premios, de 10.000 euros cada un. Poderán presentarse á convocatoria proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de marzo de 2024; e non se admitirán aqueles que supoñan unha continuidade ou fases sucesivas de proxectos xa premiados na anterior convocatoria deste mesmo certame.

Comentarios