Vilaboa lembra as persoas represaliadas polo franquismo, que "castigou o traballo en prol dunha sociedade máis xusta"

O colectivo A Regaduxa recupera e reedita o diario de José Casal, dirixente socialista preso en San Simón durante a ditadura.
Acto convocado pola Regaduxa en Vilaboa, este domingo. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Acto convocado pola Regaduxa en Vilaboa, este domingo. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O colectivo A Regaduxa presentou este domingo o proxecto para recuperar e editar o diario manuscrito de José Casal, preso no cárcere de San Simón durante a ditadura.

Ao acto asistiu a parlamentaria da Deputación de Pontevedra María Ortega, que salientou a importancia de "desmontar o relato franquista" e "dar a coñecer de forma diferente" a loita de figuras como o propio Casal, Casilda Rosendo, Hermosinda Lamoso, Abelardo Sobral, Lola Cerqueiro, Manolo da Socorra, Susa Valladares, Eligio Rei "e tantas outras vítimas" do golpe de 1936.

Casal era militante socialista e dirixente da Sociedade Agraria de Cobres e máis do sindicato naval. A súa loita, subliñou Ortega, "fixo que fose recluído en San Simón e Ezkaba xunto ao seu irmán Belarmino e o seu curmán Rogelio".

"O fascismo castigaba así o seu traballo en prol dunha sociedade máis xusta e igualitaria e logo construía un relato onde as vítimas eran os verdugos e os asasinos, os próceres dunha patria da que nunca nos sentiremos parte", engadiu a deputada.

Grazas ao traballo de colectivos como A Regaduxa, afirmou, foi posíbel que chegase a mans da Deputación "o relato da loita e do padecemento de mulleres como Casilda Rosendo, compañeira de José, rapada tras o golpe polos fascistas".

Durante a II República, a parella tivo unha filla á que chamaron Democracia, mais, explicou María Ortega, "víronse obrigados a pasar polo aro do bautismo da Igrexa" e mudar o nome por Lucrecia, "no mesmo día no que outra nena de Vilaboa, de nome Libertad, foi renomeada como Berta".

Este acto enmárcase na campaña que a Deputación realizará en Vilaboa con diferentes actos nos próximos días. Así, a vindeira fin de semana será a quenda do Canteira Fest, onde o departamento de Memoria da Deputación habilitará un espazo para que a xente nova poida achegarse á memoria local.

Haberá obradoiros da man do Rabelo ou Xurxo Souto, un concerto de Najla, a creación dun mural da man de Cestola na Cachola ou as representacións teatrais dos Quinquilláns e as Misións Pedagóxicas.

Comentarios