Primeiro cabodano dunha figura fulcral na conformación do movimento nacionalista galego

Redescubrir Bautista Álvarez

O 16 de setembro de 2017 deixábanos fisicamente Bautista Álvarez. Porén, legábanos o exemplo dunha militancia a proba de lume e o capital ideolóxico dunha persoa que participou na construción da proposta teórica do nacionalismo nos últimos sesenta anos. Estamos, ao fin, diante dunha persoa por coñecer.

Apresentación en Pontevedra, febreiro de 2017, do III volume da triloxía das Obras Escollidas de Bautista Álvarez.
photo_camera Bautista Álvarez, no centro, durante a apresentación en febreiro de 2017 do III volume da triloxía das súas Obras Escollidas

É a trabe mestra para explicar o capítulo contemporáneo do nacionalismo galego. Exemplifica a vontade de ser e existir de Galiza, a necesidade de erguer un movemento político que se luxe e sexa capaz de axir socialmente e o esforzo por dotar ao nacionalismo dun corpo doutrinal e programático á altura dos tempos. Simboliza e exerce como engarce entre unha primeira xeración, a súa, que deu a batalla contra o piñeirismo para recuperar o proxecto político de Daniel Castelao e do Partido Galeguista, e aqueloutra, a continuadora, que deu contido, incidencia social e claridade ideolóxica ao proxecto nacionalista. Significa a constancia e a fidelidade a un causa, só posíbel entre aqueles que se moven polo triunfo do ideal e non polo ideal do triunfo, a consideración da militancia como servizo a un pobo alén das continxencias e ciclos biográficos, o antídoto que non permite confundir os intereses xerais cos propios, e a dignificación da política, isto é, vivir para as ideas e non das ideas. Caracteriza, ao fin, a mellor tradición do nacionalismo, aquela que se fundamenta nun patriotismo sen concesións e na decisión de actuar, mesmo nas condicións máis adversas, pero tamén os erros e limitacións da súa actuación política.

A súa incorporación á causa do nacionalismo galego remóntase a comezos da década dos cincuenta. Convencido do carácter nacional de Galiza desde a súa etapa de estudante no seminario de Ourense, animou —durante a súa estadía en Valdeorras, canda Gaspar García Núñez, irmán de Segundo García Núñez, presidente do Partido Galeguista do Barco asasinado en 1936— faladoiros de veteranos nacionalistas co fin de reorganizar o partido de Castelao e Bóveda. Membro do colectivo Brais Pinto, xurdido en Madrid á volta de 1958 como expresión dunha nova xeración que pretendía dar continuidade ao legado do nacionalismo de preguerra, participaría en 1963 na tentativa de poñer en marcha o Consello da Mocidade, organización chamada á organizar as mozas e mozos nacionalistas e fanada ao pouco de nacer pola acción do piñeirismo. Fixo parte en 1964 do núcleo fundacional da Unión do Povo Galego, partido que presidiu durante décadas e no que militou até a súa morte, sendo ao tempo impulsor central da AN-PG e do BNG, organización na que ocupou importantes responsabilidades orgánicas e institucionais. Ao tempo mantivo unha presenza activa en diversas organizacións sociais, sinalándose no seu labor á fronte do Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco en Madrid ou na presidencia da Agrupación Cultural de Vigo.

A produción doutrinal de Bautista Álvarez foi mellor comprendida fóra que no país, con especial destaque para Venezuela ou Portugal

O seu nome esta ligado aos grandes fitos do nacionalismo galego nos últimos sesenta anos. O apoio ás protestas da veciñanza do Val de Castrelo espallando desde Madrid a folla volandeira onde a  UPG expresaba a oposición ao encoro construído por Fenosa e a colaboración co acto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en 1966, convertido no primeiro evento político celebrado en Galiza após 1936. O impulso en 1968 á recuperación da xornada patriótica do 25 de xullo na súa forma e denominación actual, sendo o inspirador da súa designación como Día da Patria Galega e o autor do panfleto chamando á súa convocatoria. A expulsión do Parlamento de Galiza canda os deputados do Bloque-PSG por negarse a validar o réxime xurdido da constitución de 1978, poñéndolle voz ás razóns dos parlamentarios nacionalistas nunha memorábel intervención política, na liña do autor dalgunhas das mellores pezas de oratoria da Galiza dos últimos cincuenta anos. A loita sen concesións por unha sociedade realmente democrática, pasando polas prisións españolas en diversas ocasións desde 1956 até 1977, sufrindo torturas en diversas comisarías do Estado e sendo xulgado en 1987 pola Audiencia Nacional. 

2 (1)O seu aporte teórico achéganos unha formulación orixinal sobre a cuestión nacional galega partindo dos nosos clásicos. A publicación dos seus textos políticos, compilada e editada baixo a coordinación de Pilar García Negro, representa unha actualización e posta ao día do pensamento nacionalista, partindo dos nosos clásicos, fundamentalmente de Daniel Castelao pero tamén dos irmáns Vilar Ponte e do Vicente Risco de O problema político de Galiza, irmandados co marxismo e cos teóricos do anticolonialismo. As súas análises asentábanse sobre a realidade sen ningún tipo de motivación doutrinaria, respondendo á vontade de achegar argumentos ao movemento político do que facía parte na súa actuación política cotiá, desde o axioma leninista de que a reflexión ten que ser para acción. O seu pensamento podíase resumir nunha afirmación que adoitaba a repetir para explicar as orixes ideolóxicas da UPG, isto é.  “se os cubanos a carón de Marx colocaron Martí os galegos puxemos  Castelao”, expresando a súa convición, na liña da afortunada afirmación de Mariategui, de que o corpo teórico do nacionalismo “non debe ser calco nin copia, senón creación heroica”.

Reencontro do grupo Brais Pinto. 1983. Bautista ÁlvarezA súa produción doutrinal sitúase na avanzada do pensamento revolucionario a nivel internacional. Os elementos máis creativos do seu corpo político desenvólvense precisamente após a derrota das forzas progresistas na década dos oitenta, momento que coincide coa preamar reaccionaria e co desarmamento ideolóxico de boa parte da esquerda, destacando nas súas criticas ao modelo neoliberal de xestión do capitalismo pero tamén ás diferentes formas do postmarxismo. A este respecto merecen particular atención as análises sobre as consecuencias da quebra do bloque socialista na correlación de forzas a nivel mundial, a redefinición do papel dos partidos socialdemócratas, as novas fórmulas do intercambio desigual, ou as lóxicas das fragmentacións e identidades definitorias da esquerda postmoderna. As achegas a este debate acadaron eco e serán mellor comprendidas fóra do noso país, significándose aquí o caso do colectivo Aporrea en Venezuela ou de sectores do Bloco de Esquerda en Portugal, adiantándose no tempo a debates que hoxe se viven noutros puntos do globo. Non debe sorprendernos logo, que a publicación de actualidade na esquerda española e obxecto de intensos debates entre os seus membros sexa La trampa de la diversidad de Daniel Bernabé, un volume que desenvolve as teses formuladas polo noso autor vai para máis de dez anos no artigo titulado A Esquerda fíxose progre. RIP e que terán continuidade en traballos posteriores.

Son moitas horas, todos os días, durante unha vida enteira facendo Galiza. A aproximación que estamos a facer á traxectoria de Bautista Álvarez non é mais do que unha ollada a vista de paxaro que suscita novos interrogantes sobre o militante, o nacionalista e o marxista pero que non repara no criador literario, no grande orador e na persoa. A intensa dedicación á militancia política obrigouno a deixar en suspenso a súa temperá vocación literaria, iniciada cun conto en galego publicado a finais da década dos corenta no xornal La Región, e felizmente recuperada nos anos de madurez coa publicación do romance Cuarto Minguante e do libro de relatos Retallos daquela infancia, onde recolle algúns textos escritos na década dos sesenta. Así e todo, unha parte da súa produción poética e literaria está aínda por coñecer, ao igual que o groso das súas pezas de oratoria, concretamente aquelas que se derivan da súa actividade como parlamentario durante máis de quince anos e que representan un fresco da vida galega dos comezos da autonomía e dos anos do fraguismo. Ao fin, quédanos un Batista Álvarez por descubrir.

Nota 1: Na fotografía inserida no medio do texto recóllese un momento do reencontro do Grupo Brais Pinto no Cïrculo das Artes de Lugo en xaneiro de 1983. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Uxío Novoneyra, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Herminio Barreiro, Xosé Fernández Ferreiro, César Árias, Ramón Lourenzo, Alexandre Cribeiro e Luís Gonçalez "Foz".

Nota 2: Con motivo do primeiro aniversario do falecimento de Bautista Álvarez, a Unión do Povo Galego organiza un evento na súa memoria. Será este sábado a partir das 17:30 horas no Centro de Interpretación do castro de San Cibrao das Lás en San Amaro e nel tomarán a palabra o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. O acto, que será apresentado por Montse Nóvoa, terá tamén espazo para a música —da man de Roberto Sobrado— e para a poesía —Lois Diéguez, Marica Campo, Millán Picouto e Marta Dacosta.

[Este texto, que aquí apresentamos integramente, viu a luz no Sermos313, disponíbel na nosa loxa e nos puntos de venda habituais]
 

 

Comentarios