Bebés roubados

“Para recuperar o meu irmán do hospital, tivemos que vender unha vaca”

A trama dos bebés desaparecidos no hospital Labaca
Instalacións actuais do Hospital Labaca, convertido en centro oncolóxico da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Instalacións actuais do Hospital Labaca, convertido en centro oncolóxico da Galiza. (Foto: Nós Diario)

Un novo testemuño ao que tivo acceso Nós Diario deita máis luz ao redor dos casos denunciados pola asociación SOS Bebés Roubados, que advirte de que na Galiza “hai arredor de 250 persoas buscando a súa familia”. Un dos hospitais citados pola presidenta da entidade, Estrella Vázquez, é o Labaca da Coruña, hoxe Centro Oncolóxico da Galiza, e onde deu a luz a nai de Manuel, nome suposto, por quen a súa familia tivo que pagar para o recuperar.

Relátao a irmá de Manuel. “A miña nai quedou embarazada de meu irmán tras unha violación grupal por parte duns veciños que volvían bébedos de madrugada tras celebrar as festas de San Xosé” e “obviamente, foi desde que se confirmou un embarazo non desexado”.

“A veciña contábame como a ten visto dando golpes na barriga mentres lamentaba aquel episodio do seu destino e de feito, tardou moitos anos en aceptalo”, apunta.

“Días antes de dar a luz, mamá desapareceu da casa, non lle contara nada a ninguén, agás á veciña, sempre confidente: quería parir no hospital Labaca da Coruña, pois un médico dixéralle que estaría mellor atendida que en ningún outro sitio”, lembra. “Con esa valiosísima información, a miña avoa buscou o contacto da clínica e chamou. O meu irmán xa nacera, mais o xinecólogo que atendera a miña nai informouna de que fora asignado a unha familia de confianza, con importantes recursos económicos, que non podía ter fillos. Disque fora o ‘acordo’ ao que chegara con miña nai semanas antes”, afirma a testemuña, quen asegura que a versión da súa nai “era substancialmente diferente”.

“Ante as ameazas da avoa, atemorizáronse, pero esixiron unha inxente cantidade de diñeiro para devolver o bebé en concepto de honorarios pola atención ao parto de mamá e os días previos que permaneceu ingresada e tratada coma unha raíña”, di. Para facer efectivo o ingreso, a familia tivo que vender “unha das dúas vacas que tiñamos na casa”.

“Asumimos o importe e recuperamos o pequeno Manuel”, que naceu en 1983, “en plena democracia”. “Nós tivemos a sorte de ter a avoa, de ter a veciña que nos forneceu a información e de ter unha vaca. Outros nin iso”, conclúe.

37 dilixencias

Até o momento, segundo SOS Bebés Roubados, a Fiscalía abriu en diferentes momentos na Galiza 37 dilixencias para investigar outros tantos casos de bebés subtraídos ás súas nais.

Comentarios