Recuperar a memoria dos 200 mineiros da 'Columna Sanfíns'

Unha iniciativa quer erguer un monumento popular en lembranza dos mineiros de Lousame que se organizaron para facer fronte aos golpistas en 1936.

Sanfins

As minas de San Fins (Lousame), como as da Silvarosa (Viveiro) e outras que había en Galiza, foron importantes focos de organización obreira, nomeadamente en torno ao anarquismo. Cando o golpe de estado de 1936 foron tamén focos de resistencia. No caso de San Fins esa resitencia concretouse na 'Columna Sanfins', integrada por volta de 200 mineiros que se organizaron para facer frente aos militares golpistas. Formaron unha columna con autobuses e camións que blindaran e cargaran de explosivos procedentes da mina e partiran para a Coruña, xuntando xente a medida que paraban por Noia, Compostela e Ordes. Os mineiros combatentes, mais tamén a veciñanza de Lousame, foron vítimas dunha brutal represión nos meses posteriores. Moitos deles, que lograron pasar á zona republicana, integraran os batallóns 'Celta' ou 'Galicia'. Outros tiveron que se exilar.

Para lembrar e homenxear estes homes e mulleres o grupo de Memoria Histórica da CNT, xunto coa Sociedade Histórica e Cultural 'Coluna Sanfins' de Lousame organizan unha homenaxe. Vai ser o 30 de outubro, a partir das 11h nas minas de Sanfins (Lousame). Colocarase un monumento e presentarase o libro 'Breve historia da Coluna Sanfins'. “O monumento popular pretende homenaxear e resgatar esta historia de dignidade e resistencia pouco coñecida e salientar que si existen numerosos exemplos de resistencia na Galiza”, indican os organizadores, que lanzaron unha campaña de financiamento para axudar sufragar os custos do monumento.

Comentarios