A mostra de Lugo sobre a resistencia antifranquista recrea unha cova da guerrilla

O día 22 de xaneiro abrirase no Pazo de San Marcos unha exposición que revisará os corenta anos de represión e resistencia, cunha especial atención á vida na guerrilla. A recreación dunha cova na que se agocharon guerrilleiros xunto con abundante documentación integrarán esta mostra organizada pola Deputación de Lugo. 

lugo
photo_camera lugo

“A ditadura franquista: 40 anos de represión é resistencia” é o título da segunda parte dun proxecto iniciado pola Deputación de Lugo que ten como obxectivo recuperar a memoria de décadas de silencio desta volta por medio dunha exposición e tres conferencias. “A Área de Cultura da Deputación de Lugo é consciente da necesidade de traballar dende distintas temáticas as catro décadas de ditadura franquista, 40 anos de represión e resistencia que se analizaron en tres conferencias no mes de decembro no Museo Provincial de Lugo e teñen continuidade no 2015 con táboas redondas, vídeo-foros ou relatorios”, explicou Mario Outeiro no acto de presentación no que se deu conta tamén da exposición que estará aberta do 22 de xaneiro ao 27 de febreiro e que achegará, de maneira especial, á vida das persoas que participaron na guerrilla antifranquista. 

Cartas de amor entre os documentos

·Nesta exposición haberá un amplo número de documentos, folletos, cartas de amor e incluso o reloxo que levaba un dos dirixentes das guerrillas cando foi fusilado”, sinalou Antón Grande, un dos comisarios dunha mostra que inclúe a recreación dunha cova que había nunha casa de Paradela na que se refuxiaban os guerrilleiros, seguindo planos reais atopados. O acto de inauguración da mostra contará coa actuación o grupo de teatro “Daboapipa” cunha peza dedicada á represión franquista. 

Outro dos coidadores da mostra, Antón Somoza, explicou no acto de presentación que estará artellada en tres bloques, o primeiro dedicarase a analizar a represión franquista “dende os primeiros mortos nas cunetas ata as causas militares, os fuxidos e as persoas que se ocultaban nas paredes da súa casa e eran coñecidos como toupas” . O segundo espazo centrarase na guerrilla e a actividade clandestina das organizacións antifranquistas, con documentación dos arquivos das propias organizacións. Finalmente, o terceiro apartado, dedicarase a recursos multimedia, películas e documentais sobre a represión. 

O programa incluirá tamén unha conferencia o día 28 do guerrilleiro antifranquista Francisco Martínez López, Quico e unha mesa redonda o día 29 con mulleres que participaron da loita antifranquista en organizacións da clandestinidade.

Comentarios