Reclaman a González Formoso que elimine simboloxía franquista dependente da Deputación da Coruña

Entre algúns exemplos que se mencionan están distincións e recoñecementos a militares franquistas como Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés ou Luis Tovar Figueras.
Escudo franquista no cuartel Sánchez de Aguilera de Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escudo franquista no cuartel Sánchez de Aguilera de Ferrol (Foto: Nós Diario).

O sociólogo, investigador da simboloxía franquista e vítima do fascismo, Manuel Monge, vén de enviar unha carta ao presidente da Deputación da Coruña e líder do PSdeG, Valentín González Formoso, na cal lle reclama a retirada de simboloxía franquista.

“A Deputación da Coruña, que Vostede preside aínda conserva 38 símbolos franquistas após 15 anos da aprobación en 2007 da Lei de Memoria Histórica e sete meses da aprobación la Lei de Memoria Democrática (LMD). Considero que esta situación é unha ilegalidade, unha vergoña para a Deputación da Coruña, un desprestixio da democracia e unha ofensa e humillacións para as vítimas do franquismo”, asegura Monge na misiva á que tivo acceso Nós Diario.

“Vostede recibiu dous escritos sobre a simboloxía franquista na Deputación da Coruña, que entreguei por rexistro: o primeiro (28 páxinas) o 27 de decembro de 2018, e o segundo (40 páxinas) o 13 de novembro de 2019. Non tiven resposta e todos estes meses despois continúan eses restos do franquismo”, acrecenta Monge.

Recoñecementos a franquistas

Entre algúns exemplos que Monge menciona están distincións e recoñecementos a militares franquistas como Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés ou Luis Tovar Figueras.

A este respecto, Monge asegura que “este é un claro exemplo da falta de vontade política da Deputación da Coruña para acabar cos restos de simboloxía franquista. Que os militares golpistas organizadores da sublevación de 1936 na Coruña teñan 87 anos despois distincións e recoñecemento é unha vergoña e unha auténtica desidia, que non pode tolerar unha sociedade democrática”.

Por estes motivos, a vítima do franquismo solicita á Institución que González Formoso preside que “antes das eleccións municipais do 28 de maio de 2023 manifeste como presidente o compromiso político de eliminar 38 símbolos franquistas da Deputación da Coruña antes de acabar 2023”.

“Adianto que, no caso de non ser atendida esta petición, enviarei escrito ao Ministerio de Presidencia Relacións coas Cortes e Memoria Democrática para que a sinalada simboloxía franquista de Deputación da Coruña sexa incorporada ao catálogo de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática, como establece o artigo 36 da Lei de Memoria Democrática”, apuntou Monge.

Comentarios