Rodrigo de Castro foi o grande líder do movemento

A rebelión galega contra Castela de 1507

Os sucesos das primeiras décadas do século XVI non mereceron a atención debida da historiografía e aínda agardan dunha explicación. A revolta de 1507 é unha manifestación clara da oposición galega a política centralizadora de Castela.
Castelo de Ponferrada.
photo_camera Castelo de Ponferrada.(Foto: Nós Diario).

Galiza entrou rebentada no século XVI. A derrota da revolta contra Castela liderada polos condes de Lemos, Pedro Madruga e Pardo de Cela unhas décadas antes e a aplicación da axenda represiva dos Reis Católicos non significou o final da oposición galega a política centralizadora de Castela. As repetidas rebeldías de Rodrigo de Castro, Fernando de Andrade e Alonso de Fonseca contra a raíña Isabel A Católica, as negociacións secretas da oligarquía galega con Maximiliano de Austria na busca dun novo status para o país ou as demandas da nobreza galega nas cortes de Santiago e A Coruña e na xuntanza de Melide de 1520 foron expresións evidentes das mesmas.

O novo escenario político aberto tras a morte da raíña  Isabel A Católica e do seu xenro e sucesor Filipe O Fermoso deron o sinal para unha nova revolta galega contra Castela. A resistencia contra o proxecto reaccionario no nacional e no social dos Reis Católicos manterase viva en Galiza nos anos finais do século XV e nos iniciais do XVI, significándose nese período a oposición dos seguidores de Dona Xoana, activos en 1499 como sinala na súa correspondencia a raíña  Isabel.

O falecemento desta última en 1504 e do seu sucesor Filipe O Fermoso en 1506 criaron unha conxuntura de inestabilidade na coroa castelá que unha parte das clases dirixentes galegas consideraron propicia para volver a erguer o vello proxecto político derrotado militarmente na penúltima década do século XV. Neste contexto apareceu de novo como cabeza das rebeldías galegas Rodrigo de Castro, reforzado polas alianzas tecidas cos fidalgos galegos, entre eles Fernando de Andrade e seu cuñado o Marques de Astorga, e apoiado polo casa real  portuguesa, coa que emparentou tras o matrimonio da súa filla Beatriz con Dinís, o fillo máis novo do Duque de Braganza.

Rodrigo de Castro

A comezos de marzo de 1507 Rodrigo de Castro avanzou de novo cara O Bierzo e non tardou en liberar Ponferrada. As tropas de conde de Lemos, formadas, segundo as crónicas, “por moita xente de pe e de cabalo, armado de diversas armas e con moita artillería”, apoiado polas forzas achegadas polo Marques de Astorga e co apoio da veciñanza de Ponferrada, fíxose en  pouco tempo cos principais núcleos de poboación da comarca.

Segundo sinalou o propio cronista real, Jerónimo Zurita, “apoderárase xa o conde de Lemos de todo o marquesado; e tiña nas súas mans as vilas, e puxo cerco ás forzas, e algunhas delas gañounas polo combate”, destacando o rexedor, Alonso de Rivera, a simpatía de Ponferrada con  causa de Rodrigo de Castro que “xuntou a todos os veciños desta vila e faloulles como aquela vila facía trescentos que era do seu avoengo e só vinte e un ou vinte e dous co tiña o rei ou a reina”, non tardando en sumarse ao exercito rebelde.

Rodrigo de Castro debeu finalmente buscar un acordo coa coroa castelá. A resposta do poder real non se fixo agardar, e tras unha xuntanza en Reinosa dos membro do Consello do Reino, onde tomaron parte o Arcebispo de Toledo e o mordomo da raíña  Juana, acordaron enviar un exercito a  Galiza dirixido polo duque de Alba e o conde de Benavente para combater ao conde de Lemos. As posibilidades de resistencia deste  foron nulas, unha vez fracasado o comprometido apoio da monarquía portuguesa, malia as promesas realizadas na etapa de preparación da revolta.

Os Pardo de Cela no centro da revolta

Outra vez Zurita, sinalou como “Don Jaime, o duque de Braganza, foi a corte pedir licenza e xente para apoiar ao conde de Lemos no de Ponferrada, porque o conde e Don Dinís, o seu xenro, solicitáranlle pedir socorro, e o rei deu autorización ao Duque para que os axudase”. Páxinas máis adiante, o mesmo cronista, da conta que “fixo o Duque de Braganza, ademán de querer vir ás súas terras, á fronteira de Galiza, para socorrer ao conde de Lemos, e o rei de Portugal ordenou que non se movese, nin se axudase a rebeldes desobedientes”. O 20 de decembro de 1507, o conde de Lemos, Rodrigo de Castro logrou o perdón da raíña castelá Juana, filla de Isabel e Fernando.

A batalla do Bierzo non foi máis que un capítulo da revolta galega de 1507. Ao longo dese ano en todo o país sucédense os actos de insubordinación contra o poder real, onde xogaran un papel de relevo antigos veteranos da rebelión da década dos oitenta do século XV ou os seus herdeiros.

Así, Álvaro González de Ribadeneira, revólvese canda o seu fillo Pedro de Miranda nas Terra Chá e tamén da Mariña, sendo obxecto de diversos denuncias por parte do Consello do Reino e mesmo citado a un proceso aberto na Chancelería de Valladolid. Nunha liña semellante, o primoxénito de Pedro de Bolaño e Beatriz de Castro, neto polo tanto de Pedro Pardo de Cela, Fernán Díaz de Ribadeneira, erguese nas proximidades da cidade de Lugo e na comarca dos Ancares, ocupando diversos fortalezas e resistindo durante meses ao cerco do gobernador real Diego de Rojas no castelo de Tores.

Comentarios