Os restos de Franco abandonan o Val dos Caídos 44 anos despois

PSdeG parabenízase pola exhumación e traslado do ditador mentres BNG, Galicia en Común ou En Marea queren que este sexa un paso ao que lle sigan outros como a devolución de Meirás. As '19 de Meirás' congratúlanse da exhumación de Franco mais lembran que “na Galiza queda moito por exhumar dos restos do franquismo”

Franco Val dos caídos
photo_camera Imaxe: Nació Digital

44 anos despois, Franco abandona o Val dos Caídos. Fíxoo a ombreiros de familiares e entre berros de “Viva España” e “Viva Franco” para ser trasladado ao cemiterio de Mingorrubio, onde por volta de 500 franquistas agardaban para recibidilo, entre eles, o golpista Antonio Tejero. Un seu fillo, de Tejero, cooficiou a misa por Franco en calidade de crego.

A exhumación realizouse ante unha delegación da familia e tamén a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, que actuou como notaria maior. Un helicóptero encargouse de trasladar o corpo do ditador a Mingorrubio.

Os familiares de Franco cargaron o cadaleito nos ombreiros á saída da Basílica do Val dos Caídos. Ás 12.54 horas, a escaleira baixou, levando os restos en silencio, e introduciron o cadaleito nun coche funerario, cuberto por un manto e unha coroa de flores. Nese momento escoitaron berros de "Viva España, Viva Franco".

Antes, os traballadores tiveron que retirar unha lousa de granito de 1.500 quilogramos diante dos asistentes, que non podían levar ningún teléfono móbil nin cámara para evitar que se estendese ningunha imaxe do corpo do ditador.

Reaccións na Galiza á exhumación Franco

As reaccións na Galiza das distintas formacións políticas non se fixeron esperar. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, dixo na Coruña que “é unha boa nova que chega con 40 anos de atraso e non deixa de causar certo bochorno que as forzas estatais tardaran catro décadas en retirar a un ditador fascista dun lugar de culto a súa figura, era un agravio ás vítimas e á democracia”. A líder nacionalista lembrou que “este non é o punto final, senón o punto de inicio porque tamén hai que exhumar os restos do franquismo, eses  residuos tóxicos que contaminan a nosa democracia”, fixo mención ás 19 de Meirás, que seguen pendentes de xuízo por unha denuncia da familia Franco e volveu reclamar a devolución do Pazo de Meirás e da Casa Cornide.

meiras

Caballero Memoria Historica PontevedraDese En Marea, Luís Villares considerou que a exhumación dos restos de Franco do Val dos Caídos “chega tarde, pero é boa noticia; unha vez que esta exhumación está finalizada sería necesario continuar na mesma liña e continuar co resarcimento das vítimas do franquismo”. Villares apuntou que é necesario que se anulen todas as sentenzas de condenas políticas do franquismo “comezando por Alexandre Bóveda, unha anulación que leva sendo reclamada desde hai anos”.

En Pontevedra, onde participou nun acto con militantes socialistas sobre a Memoria Histórica, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, destacou o compromiso do goberno para acabar cunha “anomalía” como que un ditador estivese enterrado nun mausoleo. As socialistas afirman que "acabamos cunha vergoña que duraba máis de 40 anos", para alén de sinalar que en "democracia non hai sitio para o fraqnuismo".

Yolanda en MeirasE en Meirás, Antón Gómez-Reino, líder de Podemos Galicia, acompañado por Yolanda Díaz, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para denunciar as materias pendentes na política de Memoria Histórica no Estado. “Esiximos que se devolvan ao pobo galego os bens espoliados polo franquismo”, opinou o candidato de Galicia En Común pola Coruña. Nun chío na súa conta de Twitter, a candidata por Pontevedra resumiu: “Hoxe Franco sae do Valle mais o Pazo de Meirás segue nas mans da familia Franco, a Fundación Franco sigue sendo legal e os crimes do franquismo sen investigar Queda moito por facer!”.

De por parte, desde as 19 de Meirás, o grupo de persoas denunciadas pola Familia Franco e a Fundación Francisco Franco por reclamar en agosto do 2017 que o Pazo de Meirás debe ser devolto ao pobo galego, lembran que na Galiza segue habendo “moito por exhumar dos restos do franquismo”. “É unha urxente esixencia democrática a devolución ao pobo galego de todos os bens espoliados pola ditadura franquista na nosa nación, entre eles o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Abraham e Isaac, pertencentes ao conxunto escultórico do Pórtico da Gloria” subliñou Néstor Rego que, lembrou, “o 5 de novembro está previsto o xuízo contra 9 persoas denunciadas pola familia Franco por reclamar a devolución da Casa Cornide, mentres que as “19 de Meirás” seguimos pendentes e á espera de xuízo”.

Comentarios