Na lembranza do mestre

Destacad@s representantes dos eidos político, cultural, social e sindical da Galiza cóntannos o recordo que lles queda de Pousa Antelo, o último loitador do Partido Galeguista

Fundación Castelao: "Coa súa presidencia compilouse a obra completa de Castelao".

Desde 1989, en que substituíra a Ramón Martínez López, Avelino Pousa Antelo era o acaído presidente da Fundación Castelao. Figura representativa mais tamén operativa, loitou e traballou por desenvolver algunhas das principais iniciativas que a entidade promoveu nos últimos anos para conmemorar e recompilar a obra do autor de Sempre en Galiza. Avelino reclamaba o lugar que Castelao merecía na nosa historia e iso facía que tanto se puxese á fronte de visitas institucionais para demandar atención sobre Castelao como de actos públicos para a difundir.

Lembra a Fundación Castelao que foi durante a súa presidencia cando se compilou a obra completa do autor de Sempre Galiza, publicada integramente. Con el conmemorárase o 50 aniversario do seu pasamento coa grande exposición que mostrou a súa obra pictórica e gráfica.

Mediante un convenio coa consellaría de Cultura e Deporte do bipartito comezou un soño longamente acariñado por Avelino Pousa, a catalogación completa da obra de Castelao “nun catálogo que hoxe obra en poder da consellería de Cultura á espera dun acordo co herdeiro dos dereitos de autor de Castelao para a súa difusión universal a través da rede”, sinalan na Fundación.
 

Saleta Goi, Fundación Manuel María

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi coñeceu e tratou a Avelino Pousa Antelo, de quen destaca a súa condición de “home íntegro e honrado, cunha ética que mantivo durante toda a vida, ao longo da súa intensa biografía”. Por el manifesta sentir “admiración e respecto”.
 

Uxío Novoneyra, Fundación Uxío Novoneyra: "Non era un referente ideolóxico, era un símbolo".

"Vouche contar o que sei de Pousa Antelo". Así introduciu Uxío Novoneyra fillo o seu paseo polos recordos do que seu pai lle contaba do ilustre galeguista. Cando fuxiu da represión após o levantamento fascista foi para Lugo, onde cadrou con meu pai e con Manuel María, que facían o servizo militar". O Poeta do Courel deixou constancia das conversas que sobre política e pensamento mantiveron os tres na Praza do Campo e na Rúa Nova da cidade murada. "Meu pai sempre me dicía que era o máis pequeno dos galeguistas que quedaran da Guerra Civil, máis pequeno mesmo que Díaz Pardo".

Debaixo da boina que levaba sempre, a última testemuña viva da campaña a prol do Estatuto "tiña unha memoria prodixiosa" que fixo del "un símbolo de resistencia do Partido Galeguista". Novoneyra lembra o acto en homenaxe a seu pai que Queremos Galego realizou na Estrada en 2010, cadrando co ano das Letras para o escritor courelán: "Pousa Antelo cantou a Letanía de Galiza, mais emocionouse tanto que tivo que parar polo medio".

Emocionado tamén el, lembrou aquel proxecto fanado da Fundación contra a impunidade das vítimas do franquismo, da cal o galeguista era presidente e Novoneyra vicepresidente "durante dúas semanas, até que rebentaron todo". Con 96 anos que tiña daquela, daba xenio velo "sentado naquela mesa, loitando para que a Fundación saíse adiante". Para o recordo quedarán todas as leccións deste mestre, a quen o fillo de Novoneyra eleva á categoría de "símbolo, dentro do nacionalismo e dentro da memoria histórica".

Martiño Noriega: "Foise unha persoa senlleira, non só deste concello senón deste país". 

Desde o ano 2007, Avelino Pousa Antelo era fillo adoptivo do Concello de Teo, onde residía. "Non foi un recoñecemento noso a el, senón á inversa", apuntou nesta segunda feira Martiño Noriega, rexedor teense, cadrando co pasamento do galeguista. Nado en Barcala, A Baña, en 1914, gozou até os últimos días dunha memoria envexábel que o mantivo fiel aos mesmos ideais aos que entregou os anos mozos. "Era un home que nos '30 facía propaganda polo Estatuto subido nun camión do lixo do Concello de Compostela", lembra Noriega. Pousa Antelo dicía que fora por Castelao por quen se fixera "galeguista de por vida", a quen ouvira nun acto de Promoción Gallega celebrado no Teatro Principal de Santiago.

"Foi unha persoa senlleira non só deste concello, senón que representa o exilio interior", prosegue Martiño Noriega, quen apunta que Pousa Antelo "foi un home moi activo sempre, pese á súa idade", colaborando "até hai moi pouco" co tecido educativo, social e cultural do municipio. En 2010, o concello escolleu como agasallo de Nadal para @s veciñ@s un compilatorio dos artigos publicados polo galeguista na prensa, ilustrado por Óscar Villán, tamén teense de adopción.

A presentación de Cousas de animais e algo máis, como se titulaba aquel libro, foi o último acto público en que participou Lucho do Peto --como lle chamaban, por un peto das ánimas que había na súa casa--, no Concello de Teo. "Queriamos divulgar e reivindicar o seu legado", ao tempo que se remarcou a actividade desenvolvida como articulista dun home "moi comprometido co agrarismo". Aqueles textos, recorda Noriega, "recollían parte do espírito de Avelino nos anos da ditadura". Escritos en galego, como non podía ser doutro xeito, "supoñen un pequeno patrimonio que nos queda del, pois publicar na nosa lingua naqueles anos non era cousa doada".


Xosé Luís Santos Cabana, A Oliveira de Teo: "Foi pioneiro na recuperación da memoria".
Comprometido co tecido asociativo do país, a Asociación A Oliveira de Teo, concello onde residía, tiña en Avelino Pousa Antelo un constante e activo colaborador. No entanto, o presidente da entidade, Xosé Luís Santos Cabana, sitúao como pioneiro da recuperación da memoria histórica, iniciador dun labor que eles continuarían en Teo.

“Falece o día seguinte ao día en que foi asasinado Ánxel Casal” sinala e lembra que foi vontade de Pousa Antelo colocar o monolito que lembra o lugar onde o alcalde de Santiago foi asasinado. “Foi el propio quen localizou o lugar e non só iso, aínda hai dous anos teimou en modificar a lenda que estaba alá escrita cando se identificou que alí fora tamén fusilado Pepiño Areosa” destaca Xosé Luís Santos Cabanas desa presenza en cantos actos se desenvolvían para recuperar a nosa memoria histórica. “Neste agosto en que se conmemora o máis duro da represión, estaba sempre activo. Era memoria viva da nosa historia e da condena á represión. Lamentamos a perda da memoria viva, esa voz contra o silencio, valente e sen medo”, engade.


BNG: "É un día de loito para Galiza".
O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu fondo pesar polo falecemento de Avelino Pousa Antelo do que di "foi un traballador incansábel a favor do pobo galego, da lingua e do medio rural" do noso país. @s nacionalistas cualifican de "día de loito para Galiza" o pasamento de Pousa Antelo e fixeron énfase na figura que representa o galeguista, quen dedicou a súa vida á defensa do autogoberno galego, da nosa cultura e desenvolvemento rural.


CIG-Ensino: "Desexamos que a súa memoria permaneza en nós e que manteñamos vivo o seu compromiso".
A morte de Avelino Pousa Antelo causou tamén un fondo pesar no sindicato CIG. Nun comunicado enviado aos medios, a federación que encabeza Anxo Louzao cadra con Neira Vilas ao sinalar que finou "outro dos bos e xenerosos", e claman por mantermos viva a súa memoria e "o compromiso dos que, como el, loitaron polo noso país".

A honra que fixo da Galiza co seu "compromiso firme", contribuíndo á defensa da nación e a engrandecer tanto no eido social como no cultural e no económico, é a faciana que destacan desde a central nacionalista de Pousa Antelo, o mestre rural que lla soubo xogar ao franquismo mantendo viva a nosa lingua nas escolas polas que pasou.


Xosé Neira Vilas: “Perdemos a un dos bos e xenerosos”.
O autor de obras como Castelao en Cuba lembra a Pousa Antelo como “un galeguista exemplar”, e repasa a súa incansábel traxectoria: “xa desde os anos da República, foi moi activo na campaña do Estatuto de Autonomía do 36, xunto con Isaac Díaz Pardo. Loitou moito polas cooperativas agrícolas, presidiu a Fundación Castelao até agora mesmo". Recorda como contaba que os seus comezos no galeguismo estiveron marcados por un discurso de Castelao. Escoitouno falar, e a partir de aí non parou. Era un galeguista de lei, moi loitador, incansable até os seus últimos días".

Lémbrao como un home sempre presente, que asistía e se comprometía en todos os actos: “aínda cadramos nunha homenaxe a Ramón de Valenzuela, na Bandeira, estivo no funeral de Isaac Díaz Pardo, o 5 de xaneiro no Museo do Pobo Galego... E o ano pasado no Festival de Pardiñas, con Mini e Mero. Era un home de presenza, sempre, sempre, sempre estaba. Ía a todos os actos, mesmo cando xa lle quedaban poucas forzas”. Lembra tamén colaborar na Fundación Castelao e a publicación de textos sobre todo (como os traballos de Castelao en Cuba inéditos). “En resumo, perdemos un home de ben, un dos bos e xenerosos, e vai deixar un oco moi grande”.


Cesáreo Sánchez, AELG: "Deunos da súa propia man o pensamento de Castelao e Bóveda".
Pola súa banda, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega outorgáralle no 2004 a súa condición de “Bo e Xeneroso” co premio con que destacan unha figura de especial relevancia. O presidente da entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias, destaca a súa condición de “figura referencial” para os autores e autoras da literatura galega. “Trátase dunha figura fundadora da nación en canto está sempre a ser construída polos seus fillos e fillas".

"Deunos na súa propia man o pensamento de Castelao e de Bóveda. Coa súa persoa e a súa biografía foi un vivo exemplo do que é un patriota galego. A súa obra escrita, o seu activismo, o seu consello humano próximo, compartir con el a propia biografía humana e colectiva foi para moitos de nós un verdadeiro privilexio”, sinala o presidente da AELG.


Susana Méndez, Queremos Galego, “Defendía a lingua mesmo caxato en man”.
Na memoria dos milleiros de persoas que asistiron á manifestación de Queremos Galego de outubro de 2009 quedará para sempre a imaxe a berrar contra a política lingüística do PP de Avelino Pousa Antelo. Susana Méndez, coordinadora da xestora de Queremos Galego valora que o finado “ten demostrado o seu compromiso coa defensa da lingua, mesmo con paixón e, cando foi preciso, co caxato en man como aconteceu na manifestación do 2009.

Presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística, participaba de maneira activa nos actos en que era convocado sempre que podía, desde unha rolda de prensa até unha mobilización. “Mantiña un espírito mozo e iso víase con especial relevancia na súa defensa da nosa lingua como identidade do país. Defendíaa con uñas e dentes” comenta Susana Méndez.


Casares Long, reitor da USC: "Ficou vencellado ao galeguismo até a súa morte".
O pesar polo pasamento de Pousa Antelo manifestouno tamén a Universidade de Santiago de Compostela en nome do seu reitor, Juan Casares Long. O galeguista recibira a insignia de ouro da institución académica no ano 2000, para alén de ser escollido como padriño de varias promocións de estudantes, según informa a USC nun comunicado enviado á prensa.

Nel, Casares Long quixo destacar especialmente "o labor realizado por Pousa Antelo en prol da formación dos traballadores do agro galego, así como a súa participación en numerosos proxectos cooperativos, que axudaron á dinamización e desenvolvemento deste sector, sen esquecer a súa achega ao mundo da cultura e o galeguismo, ao que pertenceu vencellado ata o seu pasamento".

Compromiso x Galicia: "Sempre conservou a forza dun mozo novo. É por iso inmorrente".

Pola súa banda, Compromiso x Galicia lembra as palabras de Castelao, "a alma, ese ser de seu de todos os pobos, é inmorrente", para reivindicar a Avelino Pousa Antelo, "Lucho", como alma da idiosincrasia galega. Lémbrano como fundador das Mocidades Galeguistas, como secretario xeral e presidente do Partido Galeguista, que refundou no 78, "tras o golpe que os féridos e duros lle deron ao quitarlle a súa praza de mestre". "Docente, cooperativista, escritor, político, xornalista... ", resumen a súa traxectoria, salientando o seu carácter incansábel e o seu compromiso. "Sempre conservou a forza dun mozo novo. É por iso inmorrente".

Concello de Rianxo: "fina outro dos bos e xenerosos".

Tamén o concello de Rianxo expresa o fondo pesar polo pasamento do presidente da Fundación Castelao, grande amigo de Rianxo. "A súa presenza cotiá nas celebracións institucionais en homenaxe ao nacemento de Castelao na nosa vila, o 30 de xaneiro, reflectían ese profundo compromiso con Galiza", salientan, e afirman que con Avelino "fina outro dos bos e xenerosos, exemplo para todos e todas de amor por este país". Representantes da corporación acudirán mañá ao concello de Teo, para amosarlle o seu afecto á familia e renderlle homenaxe.

Iolanda Díaz: "os principios éticos sinalan por onde transita a defensa do noso".

Pola súa parte, Esquerda Unida expresou tamén o seu pesar, e cualifica a traxectoria do galeguista como “demostración de ética en defensa da nosa lingua, da nosa cultura”. “Nos seus 98 anos de vida está a historia viva da nosa terra, desde os tempos da II República e a defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia do 36 até o seu infatigábel labor ético de non permitir que a folla da amnésica transición pasase pola memoria da nosa terra, levándose por diante todo o que nos dá fundamento como pobo”.

“Hoxe, cando os gobernadores públicos de Galicia levan á nosa terra ao baleiro e ao menosprezo dos seus trazos lingüísticos e culturais”, di Iolanda Díaz, coordinadora e candidata á Xunta, “os principios éticos de Avelino Pousa Antelo sinalan moi ben para as presentes e futuras xeracións por onde transita a defensa do noso en tanto que pobo”.

Asistencia do PSdG.

Do PSdG, pola súa parte, asistirán o secretario xeral, Pachi Vázquez, e os portavoces do grupo parlamentario (Abel Losada) e de lingua (Francisco Cerviño), á capela ardente mañá, martes 21, pola mañá.

Alberto Núñez Feijóo: "dedicou a súa vida á defensa de Galiza".

Asemade, a última hora desta mañá, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, expresou tamén o seu pesar pola perda dun “dos derradeiros representantes dunha xeración de homes que dedicou a súa vida á defensa de Galicia dentro e fóra da nosa terra”. Valorou o seu labor á fronte da Fundación Castelao, a participación na Fundación Pedrón de ouro, na Fundación Fernández Flórez, ou na Fundación Alexandre Bóveda, e tamén a súa achega á docencia e a súa traxectoria na agricultura, desde a dirección de Escolas Agrarias como a da Granxa Barreiros de Ortoá (Sarria).

Comentarios