Reabre o Pazo de Meirás, afastado dos Franco mais tamén das vítimas

A Xunta da Galiza e o Goberno do Estado asinaron a canda outras institucións implicadas na protección de Meirás o protocolo de coordinación temporal de actuacións do pazo, "símbolo agora de liberdade e democracia". Porén, desde Iniciativa Galega pola Memoria foxen dos "discursos triunfalistas" e urxen "unha entrada digna" das vítimas do franquismo e da memoria no interior das Torres de Meirás.
Autoridades políticas durante a reapertura de Meirás en Sada este 26 de xuño. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Autoridades políticas durante a reapertura de Meirás en Sada este 26 de xuño. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A sinatura do convenio coincidiu coa inauguración oficial dos xardíns do pazo, cinco días antes de abran as súas portas aos colectivos de memoria histórica da Galiza e ao público xeral.

"Só hai que revisar as galerías fotográficas da xornada para decatarse de que o acto constituíu unha loa aos políticos e ás Administracións Públicas", censura o voceiro de Iniciativa Galega pola Memoria Carlos Babío en declaracións a Nós Diario.

Foi o segundo acto que o Estado organizou sen ter en conta as vítimas desa barbarie.

"O protagonismo foi deles. E nós consideramos que a inauguración das visitas ao pazo de Meirás non é a de calquera outro edificio público, non é cortar unha cinta. Alí pasaron cousas moi dolorosas, e malia todo, o de onte foi o segundo acto que o Estado organizou sen ter en conta as vítimas desa barbarie".

Ao acto asistiron este sábado a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo; o secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o delegado do Goberno na Galiza, José Miñones; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e o rexedor de Sada, Benito Portela.

Non participaron de forma activa entidades de memoria que impulsaron a recuperación para o pobo das Torres de Meirás, un obxectivo que consideran inacabado e que cuxa conclusión lle reclamaron a Carmen Calvo concentradas á entrada do imbóbel.

Os bens de Meirás, en risco

Carlos Babío mantén que nin o Estado nin a Xunta protexen os bens de Meirás, "nin xudicialmente -o primeiro- nin desde o punto de vista patrimonial -a segunda- que é o que podería evitar agora a saída dos bens móbeis do pazo".

Neste sentido, o concello de Sada vén de reclamar ao Estado e á Xunta "accións inmediatas administrativas e xudiciais para asegurar a integridade do Ben de Interese Cultural.

É unha medida positiva e necesaria, pero parcial, incompleta e insuficiente para os obxectivos que deben presidir o futuro do BIC

O alcalde, Benito Portela, cualifica de "gran decepción" que Estado e Xunta non anunciasen ningunha actuación nese sentido para afirmar que "o risco de baleirado do pazo medra cada día ante a pasividade das Administracións competentes".

A sinatura do protocolo de colaboración e coparticipación institucional asinado onte en Meirás é “unha medida positiva e necesaria, pero parcial, incompleta e insuficiente para os obxectivos que deben presidir o futuro: primeiro, a integridade patrimonial do BIC -continente e contido- e segundo, unha xestión plural e participada, tanto do exterior como do interior", incide.

Dignidade para as vítimas

A este respecto, Babío advirte que neste momento nin o memorialismo nin as vítimas poden entrar no pazo con normalidade mais pode suceder "que os Franco entren no pazo libremente para sacar os bens con autorización xudicial".

Segundo di, iso indica que "as cousas están moi lonxe de facerse ben"e avanza que as entidades galegas de memoria seguirán "en loita" porque "a memoria ten que entrar no Pazo de Meirás e ten que entrar con dignidade". E a canda a memoria, as vítimas do franquismo. "Queremos un acto de memoria en Meirás, onde os que loitamos por ese ben poidamos desenvolver unha homenaxe aos loitadores e loitadoras pola democracia".

Carlos Babío critica os "discursos triunfalistas" que se escoitaron na reapertura de Meirás e sinala aínda outra exclusión, a do movemento pola memoria das comisións de traballo encargadas de decidir os usos do pazo, a das moitas asociacións que puxeron en marcha o proceso de recuperación e levan décadas sinalando o camiño que finalmente andaron as Administracións.

"Chegamos tarde, pero ao fin chegamos"

A ministra Carmen Calvo mostrou "a satisfacción enorme do Goberno" por conseguir, "a curto prazo", o obxectivo de que o Pazo de Meirás se convertese nunha propiedade pública, grazas, tal e como sinalou, "a rectitude da xustiza en España que considerou o que durante tanto tempo moitas persoas, asociacións e institucións, estiveron pelexando".

A memoria ten que entrar no Pazo de Meirás e ten que entrar con dignidade

A vicepresidenta lembrou e agradeceu tamén a "todas as asociacións memorialísticas e á sociedade galega, que saíron día tras día para que o pazo non queda na desmemoria". "Chegamos tarde, pero ao fin chegamos. Esta firma e a devolución do pazo de Meirás ao pobo supón un acto de respecto, de memoria e de reposición cara ás vítimas do franquismo", destacou.

Calvo incidiu na importancia de que "a residencia de verán de Franco, lugar onde se tomaron importantes decisións e onde transitou unha parte importante da vida do ditador", pase a mans da sociedade, "agora unha democracia forte e consolidada".

"Recoñecer a dignidade dos que sufriron a ditadura"

Román Rodríguez, pola súa banda, sinalou que a Xunta séntese "tremendamente orgullosa" de que este proceso "longo, posto en marcha con lealdade e sen cortoplacismos", chegase "a bo porto, grazas ao rigor e á altura de miras das institucións e a sociedade civil".

O conselleiro de Cultura destacou ademais a importancia de "pór en valor a superioridade dos valores democráticos sobre os de calquera ditadura, así como a de homenaxear a tolerancia, o respecto e recoñecer a súa dignidade a todos os que sufriron a ditadura".

"O obxectivo é abrir a totalidade das torres para que isto se converta no que nunca tivo que deixar de ser e que o franquismo truncou: un espazo democrático, de liberdade, de igualdade e de defensa da muller", explicou o conselleiro.

Calvo incidiu na obriga que as institucións teñen agora de "conservar e manter un lugar vital no patrimonio histórico galego ao que moitos españois virán atopar o relato da verdade". Neste sentido, o conselleiro de Cultura reiterou "o desexo unánime dos galegos" de que a xestión do pazo, "unha vez finalice o proceso xudicial", pase a Galiza, dado que foi "deseñado, construído e sufragado polos galegos".

 

 

Comentarios