Rapadas, a barbarie nunha trenza de pelo

O réxime ditatorial imposto nos días posteriores ao golpe de xullo de 1936 valeuse das máis variadas formas de represión. En diferentes publicacións referidas á comarca de Ordes, recóllense os nomes das vítimas mortais e listaxes de persoas encadeadas, desterradas, exiliadas ou que sufriron calquera medida represiva.
O dirixente socialista, Manuel del Río Mandayo, primeiro pola esquerda, canda a súa irmá Maruja, primeira pola dereita (Arquivo da familia del Río Regos).
photo_camera O dirixente socialista, Manuel del Río Mandayo, primeiro pola esquerda, canda a súa irmá Maruja, primeira pola dereita (Arquivo da familia del Río Regos).

Coa intención de non esquecermos ningunha vítima da barbarie, ocupámonos sucintamente das mulleres rapadas polo franquismo na vila de Ordes. Tanto na memoria oral das veciñas e veciños de maior idade como na cita que reproducimos tirada de Manuel Astray Rivas en Síndrome del 36.

La IV Agrupación del Ejército Guerrillero de Galicia (Ediciós do Castro. Sada, 1992. Páx. 75), reflíctese un dos actos máis denigrantes protagonizados polos verdugos contra as vítimas, sen ningún tipo de compaixón, a pesar de se coñeceren de sobra por seren convivintes na vila: “Non estaban conformes os fascistas co sangue vertido nos 'paseos' e os fusilamentos. Unha mañá preto do mediodía, para que houbese máis xente mirando, foron buscando polas casas a aquelas mulleres e aos homes que lles parecían que eran máis simpatizantes da República. Algúns mozos, outros bastante maiores. Cortáronlles o pelo ao cero e obrigáronlles a desfilar polas rúas máis céntricas da vila… De treito en treito, os  esbirros armados con fusís cargados, facíanlles deterse, a  culatazos, para que berrasen 'Viva Franco! Arriba España!', e así á ida e á volta”.

Unha dura represión

O parágrafo anterior hai que contextualizalo nun momento de forte represión xeneralizada en Ordes. Nas semanas sucesivas ao golpe aparecen os primeiros paseados nas cunetas das estradas que atravesan a vila, mentres que uns 20 de ordenses que formaron parte da resistencia á sublevación estaban presos na cadea de Compostela, procesados por rebelión (Causa 230/36) co resultado de varias condenas a prisión e 11 fusilados en Boisaca en febreiro de 1937. 

No horror cotián destes meses sanguentos prodúcese en outubro de 1936 o paseo do veciño ordense Manuel del Río Mandayo, nado na parroquia orosá dos Ánxeles en novembro de 1908. Experto carpinteiro e gaiteiro afeccionado, formou parte do comité da Fronte Popular que se constituíu na vila para defender a república. De sólidas conviccións ideolóxicas, foi responsábel a nivel local da UXT e do PSOE.

Manuel del Río Mandayo non foi detido cando Ordes caeu en mans dos golpistas, polo tanto, librouse de ser procesado a diferenza dos seus compañeiros. Desta situación decatáronse de inmediato as novas autoridades militares, os falanxistas e os matóns. O día cinco de outubro de 1936 é detido, torturado e paseado polos fascistas da vila en Boisaca.

As rapadas

Como acertadamente deixou escrito Manuel Astray Rivas, estes feitos non eran suficientes para exhibir a brutalidade dos golpistas. E foron a por elas, as mulleres, simplemente por seren familiares de republicanos e demócratas. Mulleres e homes inocentes detidos contra a súa vontade, rapados e obrigados a desfilar polas rúas brazo en alto dando vivas a España e a Franco entre as burlas dos captadores. Nese grupo de persoas escarnecidas estaban dúas mulleres: a nai e a irmá do citado Manuel del Río Mandayo. 

Dolores Mandayo Montero, nai, procedía de Oroso e casou co ordense Ramón del Río Vázquez, que permaneceu agochado un tempo por medo ás aldraxes. María (Maruja) del Río Mandayo era unha das irmás de Manuel e formaría casal con Antonio Castro del Río, home que, para máis inri, estaba vinculado á dereita máis rancia de Ordes.

No grupo mixto de persoas rapadas aquel día figuran, entre outros, os nomes de José Faya Fernández e de José Castro Castro. Pola contra, Pilar del Río Pampín librouse de ser pelada debido á mediación do falanxista Rafael Mariño Vilela. Quizais este dereitista caeu na conta que Pilar xa non se recuperaría de tantos tormentos, pois dous dos seus irmáns (o lider socialista Manuel e o galeguista José) fosen procesados, condenados e fusilados en Boisaca.

A Dolores chegoulle ao corpo e á alma que lle rapasen a súa longa cabeleira que soltaba en rebeldía republicana os días, meses e anos antes do fatídico 1936. Dolores recolleu cada pelo desprendido violentamente da súa pel para xuntalos nunha única trenza que gardaría no caixón da mesa de noite durante moitos anos.

A trenza de Dolores

E cada anoitecer, antes de deitarse e tentar coller o sono, ollaba aquela trenza e preguntábase de onde viña tanto mal e a onde irían parar os dereitos das mulleres conquistados durante a República: a transgresión feminina, a emancipación, o voto, o divorcio…

A resposta dos vencedores foi o sometemento, a submisión e a imposición ideolóxica do franquismo durante o resto da súa vida.

Comentarios