Rajoy pregúntase por que lle retiraron o nome dunha rúa de Pontevedra a un golpista franquista: “Eu sigo a chamarlle Salvador Moreno”

O presidente español quéixase de que a rúa xa non leve o nome deste almirante que chegou a ser ministro con Franco. A rúa chámase desde 2010 Rosalía de Castro, en aplicación da Lei da Memoria Histórica.

Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

Mariano Rajoy non entende por que a rúa de Pontevedra onde viviu hai anos xa non se chama como naquela época e así o manifestou perante un grupo de militares nesta quinta feira. Daquela, en pleno franquismo, a vía denominábase Salvador Moreno, militar que tomou parte desde o primeiro minuto no golpe franquista de 1936 e que acabou sendo ministro con Franco. A rúa xa non leva ese nome en virtude da aplicación da Lei de Memoria Histórica. En 2010, e grazas a unha moción do BNG apoiada polo PSdeG, esa rúa leva o nome de Rosalía de Castro. Algo que semella que non gosta ou ben que desconcerta ao presidente do goberno español.

“Non sei por que quitaron [o nome] a rúa. Vivín alí moitos anos e eu continúo a lle chamar así”, manifestou Rajoy durante un acto con militares na visita que fixo esta quinta feira aos buques da Armada española que fan parte da loita contra a piratería e o narcotráfico en África.

Marín e a zona da Ría de Pontevedra foron albo dunha represión brutal no golpe do 36, con asasinatos, torturas e violacións por parte dos fascistas. Salvador Moreno (Ferrol, 1886), sumouse ao golpe desde a primeira hora. O 9 de agosto de 1939 foi nomeado Ministro de Marina, posto que ocupou até o 20 de xullo de 1945.

Nota de redacción: A nova foi reelaborada ás 17:30 para cambiar a ubicación da rúa, que situabamos erroneamente en Marín, pola correcta: Pontevedra.

Comentarios