Agasallo para lectoras

Queres coñecer a historia do himno e a bandeira? Este sábado, con 'Nós Diario', a publicación 'Símbolos nacionais de Galiza'

A obra, editada por Vía Galega, entregarase de balde xunto a este xornal.
A obra, da autoría de Manuel Ferreiro e Xoán Costa, fai un percorrido polas orixes dos símbolos nacionais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A obra, da autoría de Manuel Ferreiro e Xoán Costa, fai un percorrido polas orixes dos símbolos nacionais. (Foto: Nós Diario)

Antes de ver a luz a versión definitiva do himno galego, Eduardo Pondal seguiu un intenso proceso de construción iniciado cunha primeira proposta que comezaba da seguinte maneira: "Que din os rumorosos, / Na sua ruda pendente, / Ó resprandor dormente, / Do pracido luar?".

Por outra parte, a bandeira da Galiza coas identificativas cores azul e branca chega no derradeiro cuarto do século XIX, após ser concibida primeiramente nas súas orixes como concepto. A súa evolución lévanos á versión actual da franxa diagonal azul sobre fondo branco.

Nestas e moitas outras cuestións vencelladas coa historia da simboloxía propia do país afonda a obra Símbolos nacionais de Galiza. O himno e a bandeira, da autoría de Manuel Ferreiro e Xoán Costa e editada pola plataforma Vía Galega. Este sábado, 19 de novembro, esta publicación entregarase de balde xunto ao xornal Nós Diario, ao prezo habitual de 3 euros —incluíndo o semanario Sermos Galiza—.

"O himno é a expresión cantada da nación", afirma Ferreiro en declaracións a este xornal, para destacar o labor de restauración pendente da súa letra orixinal por parte da Administración galega. Trátase, di, "de restaurar a vontade do seu creador, do poeta".

Pola súa parte, Xoán Costa precisa que "visibilizar os nosos símbolos é necesario", ao tempo que explica que é a partir de 1878 cando comeza a ondear a bandeira física que ten como elemento identificador algo "azul e branco".

Campaña de Vía Galega

Así as cousas, Vía Galega fai coincidir este agasallo co día en que terá lugar un izado "expansivo" de bandeiras galegas por todo o país, previsto para este sábado 19 ás 11.30 horas en lugares visíbeis onde poidan perdurar no tempo, no marco da súa campaña para pór en valor os símbolos nacionais.

Neste senso, tamén están previstas distintas palestras e coloquios por toda a Galiza, actos para os que se tiraron 3.000 cartaces e imprimiron 200 bandeiras e 2.000 autocolantes co símbolo 'GZ' para coches.

Comentarios