A 'querela arxentina' suma cinco familias que denuncian o "abandono do Estado"

Cinco novas familias achegan a documentación de vítimas do franquismo para unírense á chamada "querela arxentina", da man da Deputación de Pontevedra, Ceaquea e Avogacía Nova de Vigo.
QUERELA2
photo_camera Familiares de Sieira, Carbia, Lijó, Castro (dúas mozas) e Abella. (Foto: Nós Díario)

O consulado arxentino de Vigo acolleu na mañá de hoxe as familias das cinco vítimas do franquismo que presentaron a documentación coa que se suman á “querela arxentina”. A causa na que a xuíza María Servini está a xulgar os delitos de lesa humanidade cometidos tras o golpe de Estado de 1936 e até entrada a Transición.

A iniciativa, que se suma á tomada en xaneiro polas familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, foi agora das descendentes de Celestino Carbia, Bernardo Mato, Carlos Abella, José Lijó e José Sieira.

Na súa comparecencia estiveron acompañadas por Celso López, da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina Ceaqua, Jana Calero, de Avogacía Nova Viguesa, e a deputada de Memoria Histórica, María Ortega.

Manuel Carbia, neto do ex alcalde de Valga Celestino Carbia, foi o primeiro dos familiares en tomar a palabra e fíxoo para agradecer “ás mulleres, porque son as que están levando esta loita, e á Deputación de Pontevedra”. Carbia contou que “hai cen anos, meu bisavó e a veciñanza de Cordeiro (Valga) pediulle á Arxentina que nos axudase a facer unha escola, e cen anos despois temos que volver alí pedir xustiza”. O seu avó foi detido en xullo de 1936, encadeado e, asasinado. 

A bisneta do mestre de Teo, Iria Morgade tomou a palabra para explicar que “Bernardo Mato para nós e para a miña avoa foi unha sombra, asasinárono cando ela tiña tres anos e de modo extraxudicial, déronlle unha malleira e soltárono moribundo”. A muller de Bernardo Mato decidiu ocultarllo aos seus fillos e até o 2.000 a familia non soubo nada. Morgade explicou que buscan "unha verdade e unha xustiza" para a súa avoa porque o Estado español "abandonou as vítimas do seu xenocidio". 

Na liña de denunciar o abandono do Estado español e dos seus gobernos, pronunciáronse o resto de familiares. 

Nela Abella, filla de Carlos Abella, relatou que o seu pai foi “un represaliado que pasou nos cárceres franquistas sete anos da súa vida”. Esta “é unha oportunidade de desagravio, explicou. 

Andres Lijó, sobriño de José Lijó, contou que o seu tío “foi asasinado por sindicalista e tirado nunha fosa como se fose un vulto”. “Temos unha oportunidade de facer que o mundo vexa isto”, recalcou. 

Moi emocionada falou a neta de José Sieira, Dolo Salnés, que referiu que a súa nai “que segue viva, non quería que viñera porque viviu sempre co medo de ser a filla dun “rojo””. 

Comentarios