Publicado o primeiro tráiler de ‘Reboiras. Acción e corazón’

A longametraxe estréase este verán, cando se fan 45 anos do asasinato de Moncho Reboiras pola policía franquista.

Trailer Moncho
photo_camera Fotograma do filme

“A película non é de aventuras, é un documentario fiel sobre quen foi Reboiras”. Así resumía Alberte Mera (Vigo, 1987), director de Reboiras. Acción e corazón, nunha entrevista en Nós Diario o sentido do filme que se vai estrear este verán. O 12 de agosto fanse 45 anos do asasinato en Ferrol de Xosé Ramón Reboiras Noia pola policía franquista.

Esta fin de semana publicouse o primeiro tráiler deste filme producido pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. Son 50 segundos nos que aparecen algunhas das secuencias de ficción que recrean a vida deste militante nacionalista.

A longametraxe, que inclúe filmacións históricas, debrúzase sobre a vida e pensamento de Moncho Reboiras a través de entrevistas a 28 testemuñas que con el partillaron diversas etapas vitais.

Comentarios