O proxecto ‘Acorda’ pon o ramo cun libro disco no que a música e a imaxe terman da memoria histórica

A Deputación de Pontevedra acolleu a presentación do libro disco ‘Acorda’, unha ‘cartografía musical da memoria histórica na provincia’ que será repartido polas bibliotecas e centros de ensino.

acorda1a rafa estévez
photo_camera Imaxe da presentación este sábado do libro disco (Foto: Rafa Estévez)

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu este sábado a presentación do libro disco ‘Acorda’, que pon o ramo a un proxecto que pula por “unha cartografía musical da memoria histórica”. Na estrea ante o público do libro-disco estiveron presentes a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Memoria Histórica María Ortega, ademais  da escritora Montse Fajardo, a fotógrafa Alba Díaz, o escritor e guionista Lois Pérez, e as cantautoras Uxía e Sheila Patricia.

A publicación do libro supón pasar a formato físico o documental ‘Acorda’, a peza audiovisual que xa se estreou o pasado,  textos explicativos, e  fotografías do ‘como se fixo’ todo ese traballo documental. Tamén inclúe os vídeos gravados por Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido en localizaciós simbólicas de memoria, gravacións que durante a súa divulgación nas redes sociais da Deputación no pasado mes de abril chegaron a máis de 100.000 visualizacións. 

A deputada de Memoria Histórica María Ortega explicou o compromiso deste departamento “é levar a cabo accións que perduren no tempo, e Acorda é o exemplo. Pretendemos que a memoria permaneza, que fique máis alá dun acto concreto, máis alá de nós. Por iso convertemos en vídeos as cancións interpretadas nos lugares do terror; e eses vídeos en documentais que proxectar en centros de ensino e culturais da provincia, e de fóra dela”.

Todo o material está recollido en dous USB e un libro para que sexa posíbel a libre visualización “porque só explicando o fascismo lograremos combatelo”. “Non cesaremos no intento de achar a fórmula: cómic, teatro, música en directo ou nun USB”.

A presidenta Carmela Silva, pola súa banda, subliñou que o proxecto que agora se resume no libro-disco, supón “levar a palabra ao silencio, e encher o silencio e cultura que é capaz de converter o que se oculta en luz”. Salientou que se trata de una iniciativa liderada por “mulleres valentes, rexas e fortes que se alían para levar adiante cousas capaces de cambiar o mundo fronte ás barbaridades que se ven día día” .

A escritora e asesora de Memoria da Deputación Montse Fajardo explicou que ‘Acorda’ é unha proposta que inclúe lugares simbólicos da provincia. 

Lugares simbólicos

A escritora e asesora de Memoria da Deputación Montse Fajardo explicou que ‘Acorda’ é unha proposta que inclúe lugares simbólicos da provincia. Destacou que se fixo un percorrido que comezou en Pontevedra, na antiga Escola Normal onde a República formaba o profesorado e que tras o golpe se converteu en cárcere; pasou pola Estrada para falar de represión, e amosar que onde non se permitía falar xurdía o aceno resistente da xente que levaba flores ao cemiterio para poñer aos asasinados; e por Marín denunciando a represión con perspectiva de xénero e falando das mulleres asasinadas por seren solidarias. O percorrido continuou por Cangas, por Alcabre, Guillarei e finalmente por San Simón como lugar memorialístico para reivindicar unha sociedade mellor.

Pola súa banda, a fotógrafa Alba Díaz sinalou que as fotografías son o mapa das feridas da represión franquista para que a xente nova a coñeza. O guionista do documental Lois Pérez quixo poñer en valor que co libro-disco se fixe por escrito os contidos do documental, como unha continuación. Insistiu na importancia de que as novas xeracións teñan dereito a coñecer o fascismo franquista. “Así poden ver a importancia do pasado que se truncou no país”.

Finalmente, Uxía, directora artística do documental ‘Acorda’ quixo lembrar a todas as persoas implicadas no traballo e subliñou que a peza tivo un grande no Ourense Film Festival e en ‘Cineuropa’, ademais de estar percorrendo tamén os concellos da provincia. Neste sentido animou ás asociacións a solicitar as visualizacións ‘en comunidade’ á Deputación.

Comentarios