sábado 25.01.2020

As protestas dos galegos escravos en Cuba

10 de decembro de 1854, un grupo de galegos confinados no porto da Habana fan chegar ao capitán xeral de Cuba, José de la Concha, as súas protestas polas condicións nas que se atopaban. O colectivo, formado por parte daqueles emigrantes dislocados á illa para substituír a man de obra escrava, levaría adiante importantes mobilizacións para denunciar a súa situación. Achegamos aquí un capitulo da súa loita.

A Habana a mediados do século XIX.
A Habana a mediados do século XIX.

A necesidade de garantir os beneficios da oligarquía española asociada as actividades económicas estratéxicas en Cuba, animou diversos proxectos, apoiados polo poder político, de substitución da man de obra escrava por emigrantes galegos. O obxectivo primordial das iniciativas, tal e como sinalou Ascensión Cambrón “era económico, proporcionar man de obra fácil, barata e suficiente para suplir a carencia e carestía dos negros”, nun contexto marcado polas mudanzas na produción cafeteira e azucreira, como consecuencia das innovacións tecnolóxicas e dos procesos de integración no mercado mundial capitalista.

Os galegos máis baratos que os escravos negros

Os emigrantes galegos resultaban máis baratos para o empresariado cubano que os escravos negros, xa que o seu custo situábase arredor 5 pesos ao mes, a cuarta parte dun xornaleiro negro que cobraba por volta de 23,25 pesos ou dun escravo, cuxos gastos anuais achegábanse aos  331,5 pesos. O propio Urbano Feixó, chegou a afirmar que “o galego proporcionaranos un proveito polo menos o dobre do que ofrece un escravo e incomparabelmente maior ao que pode agardarse dun negro xornaleiro nos tempos de hoxe”.

Os galegos resultaban máis baratos para o empresariado que os escravos xa que o seu custo situábase arredor de  5 pesos mensuais, fronte aos 331,5 dos primeiros.

O proxecto máis ambicioso, impulsado polo empresario azucreiro e político galego ligado a casa real Urbano Feixó, chegou a dislocar a Cuba en 1854 a máis de 1-744 persoas. A masiva emigración, favorecida pola precaria situación económica de Galiza, até o punto de denominar algúns historiadores ao 1853 como “o ano da grande fame”, arrancou o 6 de marzo coa saída da fragata “Vila de Neda” e rematou o 27 de agosto coa expedición  do “Abella”,  tras oito viaxes, concentrándose a maior parte deles no mes de xullo.

Máis de 500 galegos mortos

Segundo testemuñou nunha comisión parlamentaria nas cortes en 1855 Ramón Fernández Armada, o representante da propia empresa de Feixó na Habana, “os galegos arrancados dos seus fogares, enganados con cautelosas e falsas promesas, viñeron a Cuba a atopar a vergoña, o engado a ignominia e a morte até a data presente atoparon  a morte 500, por calculo aproximado, a causa da fame, malos tratos e abandono”.

Os emigrantes galegos non tardaron en revolverse contra as condicións de vida e o incumprimento das condicións contractuais por parte da empresa de Feixó. Se as cláusulas laborais asinadas polas persoas dislocadas a Cuba fixaban xornadas de traballo de trece horas diarias durante cinco anos ou a aceptación do maltrato físico a mans dos patróns, a realidade foi aínda peor, sinalando Fernández Armada que “os alimentan con carnes descompostas que os negros africanos rexeitan. Obríganlles a traballar durante a aclimatación 15 horas diaria por medio do pau, o azoute e a espada”.

As mobilizacións dos galegos dislocados por Feixó sucédense ao longo de toda a illa. Abandono do posto de traballo en protesta polos incumprimentos contractuais e a falla de pago, motíns nas grandes plantacións de café e azucre, reprimidos coa participación do exercito, linchamentos  dos responsábeis de centros de traballo, enfrontamento directos coas forzas da orde e centos de detidos en diversos puntos da xeografía cubana.

O motín do porto da Habana

A decisión de concentrar a totalidade dos detidos galegos na Habana situaría o conflito nunha nova fase. O 10 de decembro de 1854, douscentos cincuenta presos confinados no porto da cidade, á espera de ser traslados ao Penal da Cabaña, revólvense contra as autoridades, toman as armas de parte dos seus gardiáns e condicionan  a solución a unha xuntanza co capitán xeral, José de la Concha, o militar español que derrotou o exercito galego de  Xosé Solis en Cacheiras e dirixiu a represión contra os revolucionarios liderados por Faraldo en 1846.

José de la Concha, segundo a versión recollida na prensa da época,acudiu ao porto da Habana para reunirse cos galegos amotinados, comprometéndose a  estudar as demandas dos galegos, iniciar unha investigación dos feitos e abrir un expediente aos negocio de Feixó. Ao tempo,  gobernador de Cuba, determinou a liberdade para os detidos nos diferentes presidios na illa e achegou un ditame ao executivo, onde se recollía a situación dos emigrantes galegos

comentarios