Propoñen dedicar unha rúa a Moncho Reboiras no seu concello natal, Dodro

A proposta será debatida en pleno esta semana.
imo-web

O pleno do Concello de Dodro, comarca do Sar, debaterá esta semana unha proposta para dedicar unha rúa a Xosé Ramón Reboiras, Moncho, nacionalista e veciño deste concello asasinado en Ferrol pola Policía española en 1975.

Unha resolución da Alcaldía resolveu iniciar o expediente para a modificación do nomeamento da “Carretera de Imo” por “Rúa Moncho Reboiras”, sobre a base da exposición recollida na proposta da Concellaría de Servizos sociais e Benestar.

O corpo de Reboiras foi velado na casa da familia de Lola de Loureiro ao pé da estrada AC-350 da súa aldea de Imo para ser enterrado no cemiterio parroquial, onde repousan os seus restos mortais. Esta é a estrada que agora se propón para levar o nome de Moncho Reboiras, unha iniciativa que o PP xa anunciou que non vai apoiar.

Para o cambio de nome, o  instrutor do informe, Xoán Bautista Mariño Abuín, practicou "as dilixencias oportunas, pescudas, consultas entre a familia, veciñanza, sindicatos, fundación e formacións políticas para acreditar os méritos concorrentes para a proposta de cambio de nome ", que se recollen nunha memoria xustificativa. Unha memoria na que se fai un repaso pola biografía deste veciño de Dodro, así como pola súa traxectoria de compromiso político e tamén polo legado que deixou após o seu asasinato. 

Ao longo destes anos, Dodro foi escenario de diferentes actos e iniciativas relacionadas con Xosé Ramón Reboiras, entre elas, por exemplo, "a aldea de Imo foi o lugar escollido para a pre estrea do 1º documental Moncho Reboiras. Acción e Corazón de Alberte Mera, sobre a súa figura no verán de 2020, desbordando todas as previsións do Concello de Dodro organizador da proxección", comno se recolle no infome.  

Actualmente hai dúas localidades que levan nos seus mapa de rúas o nome do nacionalista asasinado o 12 de agosto de 1975, Corcubión e Culleredo.

Comentarios