O primeiro saúda á bandeira, por Xoán Costa

saudo1

Coincide a saída deste artigo coa celebración do referendo  que aprobou a Constitución española, en seis de decembro de 1978. Aínda que nos actos oficiais que se celebran nestes días non se establece especificamente un acto de homenaxe á bandeira española, non faltan voces que promoven a chamada “xura de bandeira” civil.

Mais non é a bandeira española que interesa agora. É a galega, que como elemento identificador do país se vai desenvolvendo ao longo do século XIX e que, o 22 de abril de 1899, recebe o primeiro “saúda” de que teñamos constancia. Foi nos actos que  o Orfeón Gallego Primitivo celebrou durante a súa 81 velada, centrada en dous acontecementos importantes: inaugurar estandarte social e unha bandeira galega recollida por varios socios.

salve2

O programa levou numerosa concorrencia á Casa Suíza  cuxo escenario estaba presidido polas bandeiras de Arxentina, España e Galiza, sostidas, a primeira e a última, polos seus padriños. Abriu o acto o director de El Eco de Galicia, M. Castro López.

A bandeira que se presentou estaba inspirada no deseño publicado polo mesmo xornal o ano anterior, engadindo agora, exactamente no centro da franxa azul,  un escudo composto por cinco cuarteis con coroa real. Superposto no cuartel do centro o copón con seis cruces recruzadas. Os outros cuarteis representan as catro provincias. Todo debuxado por Adolfo Rey e bordado en ouro e prata.

Foi tamén Adolfo Rey o autor da letra dun canto de loa á bandeira, posibelmente o primeiro dos que  se teñan feito: “salve, salve, querida bandera / santa enseña de un pueblo sufrido; / salve, tu, a cuyos pliegues va unido / el recuerdo del patrio solar”

A bandeira como lembranza da “patria pequena”, como identificativo de pertenza a unha comunidade. Non hai aínda reivindicación política.

Comentarios